Mozos voluntarios de Padrón reforzan a atención turística

U. López PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

Samuel, Nereida, Paula, Irene e Aroón atenden este verán un punto de información que comeza a funcionar cando remata o período lectivo e mantense ata finais de agosto

16 ago 2025 . Actualizado a las 05:05 h.

Dende o ano 2014, a Oficina de Turismo de Padrón conta cun punto de apoio para dar información no verán, situado no Paseo del Espolón, a pe do Camiño de Santiago e atendido por voluntarios xuvenís, dentro do proxecto Voluntariado Xuvenil en Padrón: Experiencias culturais e medioambientais no Camiño, que se desenvolve co cofinanciamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

O punto comeza a funcionar cando remata o período lectivo e mantense ata finais de agosto, de modo que este ano contou con cinco mozos voluntarios: Samuel A. Ocando Castro; Nereida Fuentes Lorenzo; Paula Vázquez Rodríguez; Irene Dopazo Pardo e Aarón El Miri González. Para reforzar o equipo, estiveron acompañados por outros mozos voluntarios locais: Noemí Duro Castro, Tharek D. López Carrillo e Iria C. Rangel Rodríguez.

Este grupo de oito persoas, con idades comprendidas os 16 e 22 anos, fan quendas para atender o punto informativo no Camiño de Santiago, achegando datos básicos sobre Padrón a peregrinos e visitantes, selando credenciais e derivando a algunhas persoas á Oficina de Turismo. De feito, a labor de información e acollemento que fai o voluntariado sempre é complementaria ao traballo dos profesionais de turismo do Concello de Padrón, segundo explica a responsable da Oficina Municipal de Voluntariado de Padrón, Pilar Lorenzo.

No 2024, neste punto atenderon a 3.651 visitantes, moitos deles estranxeiros, ao igual que este ano, o que permite aos mozos voluntarios practicar e mesmo perfeccionar o idioma inglés. Para iso, ademais, dende o servizo de voluntariado tamén hai obradoiros de inmersión lingüística.

A actividade dos puntos informativos non é a única que desenvolven os voluntarios xuvenís de Padrón xa que hai outras liñas de acción, entre as que destaca a Bibliomóbil, un espazo no que o grupo de mozos difunden actitudes positivas entre a infancia para frear o impacto medioambiental. Neste caso, a ferramenta principal de traballo foi o conto, complementado co uso doutras como os xogos e os obradoiros creativo-manuais para que os menores padroneses puideran coñecer e entender a necesidade de xerar cambios para facer fronte á crise climática.

Ademais, este verán reforzouse a presenza da Bibliomóbil no Xardín e no parque infantil sito no centro da vila, facilitando unha maior participación da infancia padronesa na actividade.