A segunda escavación no Castro Valente de Padrón descobre as dimensións da muralla do xacemento
PADRÓN
Os traballos centráronse na parte anterior da muralla, ao lado dunha torre
03 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Investigadores do Centro de Investigación das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) da Universidade de Santiago (USC) remataron onte os traballos da segunda intervención arqueolóxica realizada no monte Castro Valente, un recinto fortificado situado nas parroquias de Herbón e Carcacía, no concello de Padrón, cunha superficie superior ás once hectáreas. Mario Pereiro (do grupo Síncrisis) e José Carlos Sánchez Pardo (do grupo AEVUM) foron os responsables da escavación que, segundo explicou onte o primeiro deles, serviu para «coñecer un pouco máis o xacemento e a complexidade de traballar nun espazo tan singular».
Así, os traballos centráronse na parte anterior da muralla, ao lado dunha torre, para descubrir a súa tipoloxía construtiva e tomar mostras para poder datar o inicio da súa construción, ademais de tratar de chegar á cimentación da muralla. Tralos traballos, os investigadores poden dicir que a muralla se construíu como un único elemento, sen reparacións posteriores, de modo que xa puxeron á vista tres metros de alto aínda que, a altura final, pode pasar dos catro metros como mínimo, de acordo co investigador Mario Pereiro. Esta fala de que «impresiona realmente o alzado conservado e o completo que tería».
O grupo de traballo recibiu na tarde xoves a visita dun grupo de persoas, arredor de 40, moi interesadas nos traballos de intervención arqueolóxica realizadas no monte, grazas á colaboración entre o Concello de Padrón e a Universidade de Santiago, dentro do proxecto arqueolóxico Castelos no aire. Tamén contou coa colaboración da empresa Tempos Arqueólogos.
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, quen é arqueólogo de profesión, visitou días atrás o campamento e, de acordo co investigador da USC, amosou boa receptividade para continuar coas intervencións arqueolóxicas no futuro. De feito, estas requerirían tempo e investigación e mesmo usar outro tipo de metodoloxía, para poder seguir avanzando no coñecemento do recinto, de acordo cos investigadores.
Ocupación da zona
«Xa van case dez anos dende que comezamos a documentación deste xacemento, explica Mario Pereiro, quen engade que na segunda intervención buscaban «afinar as hipóteses que temos». «O seu recinto defensivo está moi ben conservado», comenta o seu compañeiro José Carlos Sánchez, quen sinala que «falta información de como se artellaba no seu interior». A intervención durou dúas semanas e centrouse na zona norte do xacemento, próxima á xa intervida na campaña anterior. «Coñecer cando foi ocupada, permitirá desenvolver hipóteses para saber para que foi construída esta fortaleza», comenta Mario Pereiro.
Os primeiros traballos de escavación arqueolóxica no monte Castro Valente realizáronse a finais do ano 2020 e xa por entón o doutor en Arqueoloxía pola USC falaba de que «poucos lugares conservan a súa muralla como este, onde é posible distinguila a simple vista, sen necesidade de escavar».