A mesa baleira

PADRÓN

CARMELA QUEIJEIRO

«Eu admiro un par de cousas desta xente que practica o mutis hostaleiro»

20 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Non acabo de ter claro se o das reservas dos restaurantes é un destes hype dos que proliferan nas redes sociais e nos medios ou se xa foi así desde sempre.

Sospeito o segundo. Lembro hai xa dez anos, nun restaurante da comarca de Padrón, tres longas mesas con empanada, pan, xamón e chourizos primorosamente cortados para unha comuñón que nunca apareceu. Se cadra o neno arrepentiuse no último momento. Tampouco me fío moito da memoria colectiva, que cando quere é invulnerable e cando non, non chega ás capacidades dunha faneca.

O que si teño claro é que antes este problema sufríase en silencio —case cun pouco de vergoña, diría—. Porén, agora os hostaleiros denúnciano nas súas redes sociais con fotos das mesas preparadas (e baleiras), reciben o apoio público dos amigos e, ademais, van pouco a pouco tomando medidas que me parecen lóxicas, tardías e aínda un pouco brandas.

Eu admiro un par de cousas desta xente que practica o mutis hostaleiro: a capacidade de ter tanto tempo na vida como para dedicarse a reservar en dous ou tres restaurantes decentes de concellos distintos por se aca. Tamén é certo que logo non o teñen para cancelalas. Cómpre destacarlles tamén o aplomo para facerse os despistados co seu propio teléfono durante esas dúas horas nas que os establecementos poden chamar desesperados.

Hai que ser dunha calidade especial para facerlle perder unha pasta a outra familia mentres ti gozas dos encantos do país e brindas noutro lugar pola amizade ou o amor.