Hipercorrección

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

PADRÓN

ANTONIO HERNÁNDEZ

04 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Póñome de mal humor. E non debo. O mundo vai como vai e cada grito é un grito no deserto. Hai tres días, o pasado luns, unha cadea televisiva xeneralista facía unha importante reportaxe encol da provincia da Coruña. Case no comezo apareceu Padrón. Unhas rapazas que se definen como «cantareiras» falaron da vida tortuosa de Rosalía de Castro. Ata dignificaron a súa figura dicindo que non, que elas cando falan de Rosalía falan da poeta de Nós, non doutra Rosalía que canta sen músicos. E baila. E redes sociais. E márquete. E facernos crer que a arte é este invento mediocre de rostros populares. Sigo. Padrón. Falaron as cantareiras de Rosalía. A Cela nin o citaron. O guionista do programa tampouco tivo nin sequera a delicadeza de nomealo. Só unha imaxe dunha estatua con nomenclatura: «Cela».

Non sei por que tiven que enfadarme con Berta, que tranquilamente observaba aquel programa sobre A Coruña. Non sei por que saín ao xardín por ver se os meus cans me tranquilizaban. Mirei as estrelas. E procurei cos meus ollos a lúa. Pero a lúa era de fouce, vermella e incendiada. Pensei que os que agora censuran son os bos, ou sexa, os politicamente correctos. Pensei que non hai nada que facer e que se nun programa obvian a un premio Nobel xa poden facer con Nós, con maiúscula, o que lles veña en gana.

A hipercorrección é o ditador contra o que debemos pelexar sen dar un paso atrás. A hipercorrección que censura, repito o verbo, a un xenio das letras. Pasarán os anos e seguiremos estudando os seus textos nas universidades, seguiremos a ler a Cela. Tamén estudaremos a Rosalía, a de verdade. As outras rosalías (todas con minúscula) son unha liña á marxe deste tempo funesto.