Última hora
El Tribunal Supremo anula el nombramiento de Dolores Delgado como fiscal de Memoria Democrática

Ata sempre don Ramón

Os teus alumnos da promoción do 76 do instituto de Padrón

PADRÓN

MERCE ARES

O ourensán foi mestre e director no instituto de Padrón 

07 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado sábado recibimos no grupo do instituto de Padrón a noticia da morte do noso profesor, don Ramón Vázquez Casasnovas. Ao tempo que se sucedían as mostras de pesar polo seu finamento, aflorou no grupo ese sentimento de cariño, case corenta anos durmido, que deixan para sempre as boas persoas. Don Ramón por enriba de todo era unha boa persoa.

Non é doado entender ao don Ramón deses anos, se non é dentro daquel grupo de profesores extraordinarios, moi novos todos, que, faltos de medios e sobrados de ilusión, puxeron a andar o recentemente creado instituto de Padrón. Nin é doado valorar este labor sen recordar que o de Padrón era tamén o instituto de Valga, de Cesures, de Rois, de Dodro, de Rianxo... Chegabamos a Padrón, de toda a comarca, con 14 anos ou menos e marchabamos con 18, cos piares sobre os que edificar o noso futuro feitos.

Ás mostras de cariño seguíronlle as lembranzas deses anos co mestre, que, como dixo un compañeiro, nos fan sentir de novo con pantalón curto. Desas lembranzas, hai unha que retrata con fidelidade a personalidade do profesor e que relataba un dos protagonistas: «Recordo que alá polo curso 74/75 a Máximo Vicente e a min suspendeunos en ximnasia cun cero por mal comportamento, despois de que nun partido en Santiago tiveramos unhas palabra co árbitro ao final. No mes de maio apuntounos en atletismo, en 1.500 e 5.000 metros, nos xogos escolares provinciais que se celebraban nas pistas de Riazor, e comunicounos que para aprobar en setembro debíamos quedar entre os dez primeiros. En 1.500 metros Máximo quedou terceiro e eu cuarto, e en 5.000 metros Máximo quedou sétimo e eu oitavo. Na primeira proba éramos catro e na segunda oito, pero nós non o soubemos ata que competimos. Aprobounos a materia en setembro, despois de darnos un tirón de orellas e unha charla sobre a deportividade que nunca esquecemos. Despois da charla aínda nos rimos un pouco xuntos coa historia».

Destes alumnos, Máximo foi mestre de educación física, e Gey, maila que foi policía, sempre estivo ligado ao deporte de base traballando con rapaces. A bo seguro que ambos tiveron sempre presente a charla do vello profesor no traballo cos cativos. Don Ramón tiña un fino sentido do humor. Así era o mestre, «genio y figura» e un gran corazón.

Un forte abrazo dos teus alumnos que te arroupe nesta última viaxe. Grazas, ata sempre. Os teus alumnos da promoción do 76 do instituto de Padrón