Orquídeas nas Brañas de Laíño

Manuel Lorenzo Baleirón

PADRÓN

13 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Levamos escoitando durante décadas un catálogo de propostas de todo tipo para as Brañas de Laíño: cría de ovellas, cabuxas, vacas, plantacións de bidueiros, chopos, eucaliptos… Ata houbo quen defendeu no seu momento que atravesase por elas a vía rápida do Barbanza en forma de acueduto. Outras argalladas tiñan detrás o lucro sen escrúpulos, coma a realización non hai tanto de varios aparcadoiros á beira do Ulla ós que nos opuxemos co apoio de Verdegaia, ou a instalación da celulosa Proullasa nos anos setenta do pasado século. Aínda quedan leiras a nome dos antigos promotores. Na Asociación Cultural O Sacho de Padrón tamén nos manifestamos contra esa iniciativa neses anos.

O primeiro paso para empezar a falar con rigor dos usos das Brañas de Laíño, no meu modesto entender, sería que a administración llas restituíse ós seus lexítimos propietarios, tanto no referente ó espazo comunal coma ás campías particulares. Velaí a verdadeira redención do ladroízo ó que nos vimos sometidos pola Lei de Costas. A creación dun Parque Natural, ou de algunha outra forma xurídica similar, non debería de excluír a posibilidade de que volvan a ser aproveitadas de algún xeito. Sería o ideal, pero nesas, como vimos de comentar, levamos trinta anos. Doutores ten a igrexa para propor ideas ó respecto, sempre que sexan respectuosas coa memoria dos que viviron aquí, cos que vivimos agora e co propio medio natural.

Os que xa temos unha idade escoitamos o rinchar dos eixos de freixo dos carros pola costa das Lameiriñas ou pola Mámoa subindo cargados de herba ata estas aldeas do pór do sol. Tamén a traían as mulleres á cabeza en cestos de aros de carballo e de salgueiro, retorcidos no lume, descansando nos pousos das corredoiras. Unhas horas antes de que eu nacese, unha tarde de Venres Santo, miña nai, estaba apañando herba na carrasqueira do Covo. Coma outro día calquera. Os traballos e os días da nosa xente. O mundo que vai alá. Ogallá que se volvan ver vogando polo Ulla os galeóns coas inchadas velas brancas, que se rocen, como se fixo desde tempo inmemorial, as campías, e se afonden as gabias e os esteiros polos que rebulían as sollas e as anguías, ou que se volvan a tinguir as redes coas cascas dos salgueiros. Que veñan zoqueiros novos a desbastar a cerna dos ameneiros, tecedoras que trencen, coas corres dos vimbios, garabelos, e corozas para a chuvia cos xuncos das xunqueiras. É posible desenvolver talleres sobre esas e outras tradicións ancestrais nunha Aula de Interpretación da Natureza, na que tamén se podería divulgar a fauna e flora riquísimas dun espazo natural privilexiado e de primeira magnitude. Como hai poucos en Galicia. Menos probable resulta que se leven a cabo esas prácticas como medio de subsistencia. Ou ó mellor, si, pero é difícil que se aproveiten de novo uns terreos que xa non son nosos, porque nin sequera traballamos as leiras de Solaíño, que están do lado de riba da estrada comestas de toutizos. E esas, son aínda dos veciños.