Gastronomía parar lembrar a Rosalía

PADRÓN

23 feb 2018 . Actualizado a las 04:55 h.

Galicia conmemora mañá o Día de Rosalía, 24 de febreiro, data de nacemento da escritora, hai 181 anos. A Fundación Rosalía de Castro de Padrón organiza, por segundo ano, unha actividade para que os locais de hostalería, así como todo aquel que o desexe, cociñe o chamado Caldo de Gloria, unha iniciativa inspirada nun poema rosaliano e que relata a épica diaria da supervivencia.

Deste xeito, máis dun cento de locais de hostalería de toda Galicia servirán mañá ese caldo. Tamén se uniron a esta proposta varios colexios, que incorporaron o caldo ao menú escolar hoxe, entre eles os de Ames e Teo. O centro comercial El Corte Inglés xa o servirá tamén nesta xornada nas súas cafeterías e restaurantes de Santiago, A Coruña e Vigo, así como locais de Ames, que o ofrecerán xa dende hoxe ata o domingo. Nesta última localidade, ademais, servirán cafés acompañados dos versos de Rosalía.

Na segunda edición da iniciativa, o encargado de preparar mañá pola tarde o Caldo de Gloria na Casa de Rosalía en Padrón será o cociñeiro Pepe Solla. Con el estarán facendo os bolos do pote tres das mulleres responsables da Festa do Bolo do Pote de Mazaricos: Laura Prado, Esther Muíño e María García Tuñas.

Pero hoxe xa hai actos conmemorativos en Padrón, organizados polo Concello, como unha ofrenda floral por parte da comunidade escolar ante a estatua situada no Paseo do Espolón. Non será o único punto. En Santiago, o centro comercial El Corte Inglés acollerá un espectáculo de monicreques ás 10.30 horas ao que asistirán un cento de alumnos do colexio Nuestra Señora de los Remedios. Ás 19.30 horas, na biblioteca Ánxel Casal, haberá un recital lírico de homenaxe á Rosalía a cargo de Ana Hermida, que dramatizará Tecín soia a miña tea. Esta mañá, ás 11.30 horas, o BNG renderá homenaxe á poetisa diante da súa estatua na Alameda.

Pero os actos centrais serán mañá sábado. En Santiago, a partir das 11 horas, haberá ofrenda floral na Alameda e acto institucional no Hostal dos Reis Católicos. Pola súa banda, a Asociación de Escritores en Lingua Galega programa un acto ás 12 en Bonaval; e a asociación veciñal Raigame do Ensanche recordará a Rosalía cun acto na praza de Vigo, ás 18 horas.