¿Que fai aquí esta imaxe?

Xente votando o Estatuto do 36 publicada despois do golpe de Franco


Nos arredores de Santiago, o fotógrafo Luís Ksado obtivo esta imaxe o domingo 28 de xuño de 1936. Medio cento de persoas, homes e tamén mulleres (por vez primeira) fan cola para votar o Estatuto de Autonomía de Galicia. O curioso non é a imaxe en si (que tamén: un feito histórico e único por moitos motivos) senón onde e cando saíu publicada.

Foi un mes despois. Finais de xullo de 1936. Nun día coma hoxe de hai 80 anos: suplemento gráfico da revista Vida Gallega. Número 672 . Saía á rúa arredor do 24 de xullo. A revista xa se posicionara rapidamente a favor dos franquistas. Jaime Solá, o seu director e editor, publicaba nese mesmo número o artigo «Los nuevos legionarios»; rendíase homenaxe póstuma a José Calvo Sotelo (que viña de ser asasinado o 13 de xullo) baixo o título: «La muerte del caudillo», e, a toda plana, reproducíase unha gran foto de Franco con este subtítulo: «Heroico general hijo de Galicia que, electrizando con su voz y con su ejemplo a las tropas de África, se lanzó a luchar por la salvación de España». Pois así, páxina tras páxina. Máis posicionamento ao golpe de Estado non podía haber.

No medio dun «collage»

Pero no medio dun «collage» fotográfico do seu suplemento central, nun tamaño de 10 x 5 centímetros e en páxina par (ou sexa, nunha ubicación o máis discreta posible) escapouse do control unha fotografía. A nosa fotografía de hoxe. No subtítulo lemos: «Santiago. En los aledaños de la ciudad acudieron los elementos populares a votar el Estatuto. Foto Ksado».

¿Que fai aquí esta imaxe? A carón dela, crónicas sociais totalmente asépticas como o xantar de despedida en Santiago ao catedrático Juan Sauras, que se marchaba a Zaragoza; a homenaxe ao Celta en Balaídos, que ese infausto 1936 conseguía subir a Primeira División, ou a festa da Unión Misional Franciscana en Herbón (Padrón). E, entre todas elas, a nosa imaxe extemporánea, a nosa foto fóra de sitio, a derradeira estampa dun tempo esnaquizado: xente tranquila votando.

Ignoramos quen decidiu incluíla. Quizais Ksado conseguiu metela entre as outras do día e pasou o filtro de redactores e dirección. Ao vela de novo, non podemos deixar de pensar na redacción dese subtítulo: «Acudieron los elementos populares a votar». No número seguinte de Vida Gallega, todo eran xa fotos de «elementos» fascistas, a desfilar armados pola rúa do Príncipe en Vigo.

editor@alvarellos.info

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

¿Que fai aquí esta imaxe?