O brionés Fran Lareo é un artista autodidacta que empezou a crear pequenas pezas en madeira hai doce anos, ata que deu cun material que elabora el mesmo, «algo semellante á pedra que para min é definitivo». Ata o próximo día 26 expón máis de 30 obras dunha colección de sesenta no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro, no Concello de Oroso. Preséntaas co título Figuramas para unha nai . -¿Traballa só pequenas esculturas ou é cousa desta mostra? -Teño paixón polo pequeno formato. É a miña opción, no sei explicar por que, pero para facer esculturas grandes xa están outros. Ademais, as pezas pequenas chegan a máis xente. As que están nesta exposición miden entre 20 e 40 centímetros, pero teño unha colección de miniaturas de madeira de 5 centímetros e un máximo de 12. -¿Son figuracións abstractas? -Non sei dicir. Son pezas figurativas, pero non realistas. Non me gusta definir o que fago, porque cada quen interpreta o que ve, prefiro que a xente saque as súas propias conclusión. -¿Como é o material que crea? -É o resultado dun proceso de laboratorio, porque o meu lugar de traballo non é un taller, pero tampouco hai un formo nin nada polo estilo. Busquei información e lin moitos artigos na gran biblioteca que é Internet. -¿A que responde o título? -A que lle dedico a mostra a miña nai. Non se trata de maternidades nin responden a un tema común.