Do receo á nova normalidade

La Voz

ORDES

MARTINA MISER

Como cidadáns dispuxemos, ata agora, das liberdades recoñecidas no ordenamento e, en xeral, soubemos usalas axeitadamente

07 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Como cidadáns dispuxemos, ata agora, das liberdades recoñecidas no ordenamento e, en xeral, soubemos usalas axeitadamente. Sen embargo, durante esta epidemia, o Goberno tratounos de incapaces de rexer as nosas vidas, e, presupoñendo que seriamos uns irresponsables, púxonos á policía na porta. E agora, despois do que sufriu a poboación, caladiña, pon de moda a expresión «nova normalidade», que atenta contra o dicionario: se é nova non é normal, se é normal non é nova. A non ser, e falo só desde un punto de vista xurídico-formal, que se trate de que o que está a pasar no estado de alarma coa promulgación e execución de normas se transforme nesa nova normalidade e teñamos que queimar a lexitimidade democrática da lei e tódolos manuais de técnica xurídica. Porque, ademais de vítimas, afectados e economía, os principais prexudicados polas disposicións ditadas e o seu rango foron a potestade lexislativa das Cortes e o principio de xerarquía normativa. Enténdanme esta opinión como abraio ante a regulamentación deste estado de alarma, o episodio de maior restrición de dereitos coñecido, que conseguiu arrestar no domicilio a uns corenta e sete millóns de persoas sans, ás que se privou de liberdade a través de Decretos e Ordes de ministros e conselleiros. A regulamentación ditada desafiou Constitución e leis, quizá por falta de previsión e o consecuente apuro dos gobernantes. Todos temos memoria de que por xaneiro xa se sabía o que pasaba na China e que se podía estar ante un problema global de saúde. Nin ao Lexislativo nin ao Executivo se lles ocorreu adaptar algunha lei, nin as sanitarias, ou articular un plan de profilaxe ata mediado marzo. E agora mesmo, aseverando que no outono se producirá un novo brote, nin empezaron a adecuar esa lexislación: errare humanum est, sed perseverare diabolicum. Nesta peste, a base de Reais Decretos e Ordes ministeriais, -que, por dicilo dalgún xeito, son os sarxentos na escala da xerarquía normativa- o Goberno central impuxo que a totalidade da poboación non puidese saír da casa pouco máis que para comprar comida ou ir ao médico. Iso que se dou en chamar confinamento é sinónimo de arresto domiciliario e non o decretou ningún xuíz. Outro dereito fundamental violado foi o de elixir residencia libremente, que tampouco o estado de alarma, por si, permite prohibir. E outro suprimido foi o de reunión, ao restrinxir ou eliminar o número de asistentes, por exemplo nas actividades comerciais, da hostalaría ou da restauración, vodas e enterros. Consistirá a nova normalidade en que un ministro decida cantas persoas poden reunirse, aínda que contradiga Tratados de Dereitos Humanos, Constitución e Leis Orgánicas?. Tamén resulta tenebroso constatar con que facilidade se suspendeu o funcionamento das diversas xurisdicións, facéndoas desaparecer de facto. Pode que tan ou máis sorprendente sexa que esta crítica será rebatida coa frase maquiavélica, e simple, de que o fin xustifica os medios. E non asombra menos que esta opinión, que sería gabada por democrática se se tratase dun goberno de dereitas, será censurada por facha por achacala a un de esquerdas.