Ochantadino Claudio Otero Eiriz estuda con rigor as fábricas de curtidos espalladas por Galicia. Pouco lle falta para rematar a tese e doutorarse na Universidade de Santiago, coa dirección do profesor Xoán Carmona. Por iso quedamos en Negreira. Pescudamos datos e vimos in situ os restos das dúas factorías de curtumes neste concello, na parroquia de Covas, e que fecharon hai case cincuenta anos. Os seus donos eran Celestino Suárez Pensado e Manuel Malvárez Liñares. Citámonos tamén con José Suárez, que traballou na fábrica de seu pai -Celestino- e quen nos fixo de guieiro e útil informante. Resúltame sorprendente o que aprendín sobre estes pequenos enclaves industriais, tan propios dunha sociedade agrogandeira e dun tempo pretérito, cun mercado vacún de seu, que xa mudou a outras dimensións e identidades.
No século XX poden rexistrase unhas duascentas factorías de curtume nuns setenta concellos galegos. A cidade de Santiago xa fora capital do curtido nos anos 1800. E sobre os lindeiros de Compostela, Claudio Otero adiántanos cifras provisorias da finada presenza destes curtidoiros, ergueitos en Arzúa (un), Brión (dous), Negreira (dous), Noia (máis de trinta), Padrón (un), Ordes (un), Val do Dubra (dos). En Carballo houbo catro, e inda existe a fábrica de Queijo, no Taramboio. Tamén en Coristanco está aberta Curtipiel.
Unhas notas comúns á maior parte delas: pecharon na década de 1970 e os seus produtos, amais de surtir con peles ós zapateiros de oficio e industrias de zapatos, campaban nos cintos e correaxes, na cabalería, no exército...