Aurora Fernández, presidenta de Alecrín: «Aseguramos que a voz de todas se escoite e respecte»

MELIDE

PACO RODRÍGUEZ

A asociación de mulleres rurais de Melide cumpre dez anos atendendo necesidades e problemas das súas máis de 900 socias

05 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ioga, pilates, restauración, ilustración, e linguaxe de signos son só cinco actividades entre a trintena que ofrece o colectivo que preside Aurora Fernández, con palabras de recoñecemento para socias, profesores e institucións que colaboran cunha entidade para a que ela e o resto da directiva invisten do seu tempo de xeito altruísta.

—¿É preciso seguir empregando «muller rural» como concepto reivindicativo e diferencial?

—É fundamental seguir reivindicando o papel da muller rural como tal, xa que iso permite visibilizar e recoñecer a súa contribución ao desenvolvemento social, económico e cultural de toda a comunidade. Tamén, o orgullo e o sentimento de pertenza ao medio rural. Moitas veces, iso non se visibiliza, e é subestimado. Dende a asociación, promovemos o empoderamento da muller, fortalecendo a equidade de xénero, e asegurando que a voz de todas sexa escoitada e respectada.

— Ten a muller problemas e necesidades específicas por vivir no rural? Cales?

—As mulleres que viven no rural sempre se encontran con distintas problemáticas, pero tamén as que residen no urbano teñen as súas. Non por vivir nun determinado medio desaparecen os problemas da muller. É verdade que ás veces non se conta cos mesmos servizos, pero todo é querer e loitar; loitar por unas boas vías de comunicación e en bo estado, e por servizos sociais e de benestar axeitados a cada entorno. Certo é tamén que existe un maior illamento social. E aí ten tamén un papel fundamental a administración local, que ten que loitar por ter cada concello como se merece. Non podemos esquecernos da calidade de vida que nos ofrece o rural si está ben xestionado. Non vexo un rural en si con problemas, vexo un rural ao que non se lle presta a atención suficiente.

—Como contribúe Alecrín a darlle visibilidade a eses problemas e a resolvelos?

—En Alecrín normalmente analizamos as situacións e as necesidades do entorno, e todas as socias poden expresarnos as súas problemáticas e inquedanzas. Nós dámoslle respostas e forma, programando actividades de interese, cursos de formación para posibles saídas laborais, charlas e talleres dos temas que máis lles preocupan. Tamén nos ocupamos da saúde física e mental con diversas actividades, e, ao mesmo tempo, fomentamos o ocio, que tamén e necesario, creando lazos de amizade entre todas, e mellorando as relación sociais. Temos 30 actividades en funcionamento; nalgunha delas contamos con máis de cen alumnas. Son moitas quendas, moitísimas, que funcionan de marabilla grazas á comprensión de todas as socias e á implicación do profesorado.

—De 28 a 911 socias en dez anos. Como se chega a esa masa social, e como se mobiliza?

—A clave da nosa asociación é o compromiso, a motivación e o cariño co que traballamos, ofertando servizos e actividades de calidade e de temática moi variada que responden sempre a uns obxectivos claros e compartidos con todas as persoas asociadas. Temos moi en conta os seus intereses, e unha comunicación moi aberta e afectiva. Tamén a calidade humana e profesional de todo o noso profesorado, e a sorte de ter unhas socias moi dinámicas. E, evidentemente, analizamos os erros para ir mellorando.