Mediocridade por todas partes

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

MELIDE

Enric Fontcuberta | Efe

É curioso como o virus nos levou a pór en corentena un sentido crítico que, por unha mal entendida lealdade, leva a cuestionar só aspectos cosméticos do confinamento, coma se a suposta dificultade para tomar decisións nesta crise xustificase que as cousas se fagan mal. Xa sabiamos que a adxudicación de ministerios e altos cargos co criterio da cota política fomenta a mediocridade, pero o que nos ensina a pandemia é que sempre pode comparecer a incapacidade alí onde só se agardaba dun ministro resolver parvadas aptas para mediocres. Ter estado sempre no lugar axeitado e no momento axeitado, algo tan valioso na política, non implica ser intelixente nin eficaz.

Así se explican os trasacordos (salóns de peiteado abertos, paseos da rapazada, oposicións canceladas) cos que soltamos regueiros de bits, mentres desviamos a atención do importante. Nós que tan hábiles estamos para os memes, calamos cando din de monitorizarnos a través dos móbiles, ou cando se demoniza (de novo) a palabra «nacionalista» diante deste pulo centralizador en que moi poucas voces se preguntan se realmente era necesario deixarse ir nesa tendencia tan da Moncloa de non reparar no mundo alén da M-40, así se chame Suecia ou Melide. Melide, por certo, cumpre desde hai días as condicións da OMS para alixeirar os confinamentos.

A quen convén que o cuestionamento da norma fique nas boutades da ultradereita? Por que preferimos esquecer que a crítica está na cerna da democracia? Por que confundimos a lealdade con aceptar a trapallada? Ao final iso tamén ten que ver coa mediocridade política. Os políticos non saen da nada, senón da mesma sociedade que, despois de votar, se dedica aos memes.