Mingos Fuciños, no corazón do pobo de Melide

Xosé M. Broz DIRECTOR DO MUSEO TERRA DE MELIDE

MELIDE

natalia noguerol

07 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre á beira da historia e da arte do vello Convento franciscano e da Obra Pía do noso admirado Segade Bugueiro, escenario que marcou en Mingos o amor pola historia da vila. Lembrar que unha mañá do verán do ano 1981 a súa xenerosidade ofreceunos unha casa na praza para instalar o Museo, que colocado na Biblioteca Municipal do Concello desde o ano 1978, tiña que desaloxar, por xa carecer de espazo… e nesa casa instalamos o Museo, moi ampliado xa, e inauguramos en febreiro do 1982. Sen o seu apoio e participación, o Museo quizais hoxe non existira.

Alí estivo o Museo gratuitamente, ata o ano 2000, que por razón de espazo, e tamén por mercar e recuperar para a vila o antigo Hospital de Peregrinos, foi como por subscrición popular se mercou e edificou o edificio actual. Na notaría da vila firmamos a compra os catro fundadores, en nome do pobo, que é o verdadeiro dono do Museo e do seu edificio; firmamos os irmáns Álvarez, Mingos Fuciños e eu. E seguindo o camiño trazado polo noso libro Terra de Melide do ano 1933, ideamos publicar un boletín como Centro de Estudios Melidenses, co primeiro número nese verán do 82; boletín no que el colaborou con varios traballos de investigación histórica, moi documentados e básicos na nosa bibliografía.

A mediados dos anos 80, a súa xenerosidade puxo a disposición o Castro da Graña, propiedade da súa familia, onde se fixeron varias escavacións pola Universidade de Santiago en colaboración con arqueólogos polacos; e os achados desas campañas están depositados no Museo.

Na política local, foi mítica a Unidade dos Veciños que el encabezaba, que tivera un grande éxito popular, saíndo nomeado como tenente de alcalde, nesa década de finais dos 80.

No eido da música, levou a afección a Toques, onde hoxe hai gaiteiros que herdaron a súa ensinanza; en Melide, coas súas filla Uxía e Xisela, fundou a Escola de Gaita e Percusión Axóuxere, con ensino gratuíto, por onde pasaron multitude de rapaces da vila, hoxe moitos deles gaiteiros.

Lamento agora que nos quedara por facer o libro da Música na Terra de Melide, do que temos falado tantas veces, pero logo a ampla actividade de cada quen foi pospoñendo e deixando. Agora quédanos o reto de non esquecer a súa memoria, e poñer a semente dunha fundación que lle faga cumprido homenaxe a este veciño da Terra de Melide, egrexio terramelidao por excelencia, nesta querida Praza do Convento, no corazón do pobo, a alma da vila.