A comarca melidense forma para a obtención do Celga

melide / la voz

MELIDE

O Servizo de Normalización Lingüística da agrupación de concellos que forman Melide, Santiso, Toques e o lucense de Palas de Rei vén de convocar un curso preparatorio para a obtención do certificado de galego coñecido como Celga nos diferentes niveis. A actividade formativa dará comezo o vindeiro día 1 de setembro e prolongarase ata o 7 de outubro. Durante ese tempo, impartiranse clases dous días por semana; en concreto, os luns e os venres.

Cada xornada de formación será de dúas horas, dende as seis ata as oito da tarde. As inscricións tramítanse nos departamentos municipais de Normalización Lingüística.