O domingo celebrouse en Melide o concurso de cortadores profesionais de xamón organizado polo hostaleiro Manuel Pérez. O gañador foi un profesional de Chipiona, pero o segundo posto mereceuno Julián Torres Ouro, cortador de xamón na Bodeguilla de San Lázaro, onde comparte a arte de cortar saborosos bocados con outros labores detrás da barra, «aínda que xamón só o cortamos o meu compañeiro Jose e eu, que nun día normal liquidamos unha peza, e nun bo dúas como mínimo». Julián ten 22 anos e aprendeu o oficio na Bodeguilla, «porque cando cheguei non sabía nin o que era un coitelo de cortar xamón, gustoume este traballo e fun collendo interese por aprender e perfeccionarme». Explica que a lonxitude máis correcta e idónea da laxa «é a de 3 ou 4 centímetros», e o xurado do concurso valorou, sobre todo, a limpeza do xamón, a rectitude do corte, o grosor da laxa e a presentación do prato.