A biblioteca de Melide estrea un novo local no edificio multiusos

Xosé García MELIDE

MELIDE

X.G.

Foron necesarios oito días para traslada-los 14.000 volumes de que dispón O ano que vén celebrarase o vixésimoquinto aniversario do centro cultural

03 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Os libros da biblioteca pública de Melide andiveron atarefados nos últimos días por mor dunha mudanza. E é que tiveron que abandoar a que foi a súa casa nos cinco últimos lustros para estrear outra máis espaciosa no edificio multiusos do Concello cun mobiliario novo do trinque. Para poder realizar este traslado, foron necesarios oito días. Non en van, os arquivos da biblioteca melidense teñen rexistrados 14.400 volumes, no meirande parte libros, aínda que tamén se inclúen discos, vídeos e revistas. A nova biblioteca ten trescentos metros de estanterías, e gaña con respecto á súa predecesora en espacio e luz. Gracias á amplitude do novo local, puidéronse diferenciar nidiamente as salas de lectura para nenos e adultos. A grande cantidade de ventás aporta iluminación natural case todo o día. Outra das avantaxes que ten este novo local é unha maior proximidade aos centros escolares, especialmente aos colexios Número Un e Martagona, e ao Instituto de Ensino Secundario. Ademais, instalouse un ascensor para facilitar o acceso a minusválidos, pois está nun primeiro andar. A nova biblioteca ocupa o espacio das aulas de primeiro de BUP que había no antigo edificio do instituto. Hai dous anos, o Concello descubriu que era o propietario do inmoble, que daquela se atopaba nun lamentable estado de abandono. Agora, está rematando a súa rehabilitación para usos municipais.