RÚA DO CASTELO

La Voz

MELIDE

XOSE GARCÍA MI CALLE

22 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Din por estas terras de Melide que a empinada rúa que leva ao Castelo é a última que percorre a xente do lugar. Non en van, enxérganse na cima da costa as cruces máis altas do cemiterio e a ramallada espida das árbores de folla caduca coma unha metáfora redundante da morte. Mais non o tomen coma unha paisaxe fúnebre, pois no Castelo tamén habita o contrario da morte. E é que o amor tamén ten acollida no Castelo. Moitas foron as parellas que aproveitaron a soidade supersticiosa e nocturna do camposanto para daren o seu primeiro beixo prohibido e, a partir de aí, cata-la gorentosa mazá do pecado orixinal. O Castelo puido ter sido, xa que logo, o eido onde se concibiron moitos melidenses. No Castelo temos, pois, a maxia de dous absolutos antagónicos que se funden na historia humana desta terra, de calquera terra. Aquí faise certo o eterno retorno que proclamaran Zaratustra e Nietzsche, a proba irrefutable que demostra que rematamos por regresar a aquel eido do que viñemos, inermes ante un fado que se traviste de morriña metafísica para manexarnos tal monicreques, para obrigarnos a unha nova fusión con aquel elemento que nos fixo ser pequenas teselas no mosaico da existencia. Po es, e en po te convertirás. redac.santiago@lavoz.com