Ignacio Castro presentou o seu libro «Roxe de Sebes» en Melide

XOSÉ GARCÍA MELIDE

MELIDE

Medio cento de persoas asistiron en Melide á presentación da última obra publicada polo filósofo Ignacio Castro, Roxe de Sebes, na tardiña do venres. O escenario elixido para este acto foi o da Capela do Santo Antón. O presidente da Asociación Cultural Terra de Melide, Domingos Fuciños, oficiou como mestre de cerimonias, namentres que o filólogo Manuel Díaz obsequiou á audiencia cunha nutrida e intelixente análise do libro. Despois viría o turno deste pensador nado en Santiago en 1952, e con raíces en Melide e O Pino. Ignacio Castro debullou en sete puntos a esencia do que foi o seu retiro de mil días, a partir de 1983, na cabana do Culán, en plena serra do Courel e a máis dunha hora do lugar habitado máis próximo, tema do que trata o seu libro. Xiro filosófico Roxe de Sebes serviulle tamén a Castro para darlle un xiro definitivo á construcción do seu sistema filosófico, que viraba ao redor da idea obsesiva de busca-lo universal na tensión do singular. Tamén alí conquistaría unha distancia case fisiolóxica con respecto ó social e lograría atopar unha saída ó fracaso da revolución sen pasar polo conservadurismo, para ser un calquera neste mundo que lle resulta tan amable coma odioso. Segundo o filósofo, retirouse ó lugar de Roxe de Sebes coa idea de morrer para regresar limpo e renovado. Tal experiencia estivo dominada pola idea de vivir nun eido antigo e perigoso, sen mediacións nin facilidades e enfrontándose directamente coa morte, coa que tentou buscar unha relación totalmente afirmativa.