Roberto Rey, alcalde de Frades: «Para ser un bo alcalde non podes parar nin un minuto»

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

FRADES

cedida

Revalida a maioría absoluta do PP en Frades, pero recoñece que a súa aposta era manter os oito concelleiros

01 jun 2019 . Actualizado a las 23:08 h.

Os resultados electorais no concello de Frades revalidaron a maioría absoluta do Partido Popular de Roberto Rey, que obtivo un 62,6 % dos votos emitidos, o que lle reportou sete concelleiros, un menos que hai catro anos. A partires do día 15, a principal novidade é que o PSOE volve con tres edís e o BNG con un.

-Como valora o resultado?

-Foi moi bo, pero vimos de ter oito concelleiros a quedar en sete, aínda que estivemos moi cerca de conseguilo. Non puido ser polos pelos, pero estamos contentos co resultado.

-Cal é a receita para revalidar unha maioría absoluta?

-Pois traballar todos os días, non dúas semanas antes das eleccións ou un ano antes. Hai que facelo sempre, como xa estamos facendo nós agora mesmo, case sen coller unha semana de vacacións ao ano. Para ser un bo alcalde non podes parar nin un minuto e hai que preocuparse sempre polos veciños, chamando ás portas de todas as consellerías, tamén da Deputación, aínda que neste caso é case pedir por pedir.

-Cales son as prioridades para o inminente mandato?

-Unha vez rematado o abastecemento de auga municipal a todas as parroquias quédanos un pequeno núcleo en Abellá. Pero o principal é construír o centro sociocomunitario en Pontecarreira, pensado para dar servizo a todos os veciños, non só a persoas dependentes. Xa mantivemos contactos coa Xunta, á que lle pedimos o 50 %, e o resto completaríase con fondos do Concello en dúas anualidades. Construiríase na zona onde estaba previsto o centro de día, porque tamén estamos traballando para conseguir unha casa do maior. Outro dos proxectos que xa temos confirmados é a apertura dun Punto to de Atención á Infancia (PAI) que vai funcionar en colaboración co Concello de Mesía, para que os rapaces que non poidan ter espazo nas dúas casas do neno o teñan neste centro. Proxectamos sendas nas parroquias para acceder ás igrexas e aumentar a axuda no fogar e servizos para os maiores.

-Tamén é presidente da Mancomunidade, un cargo rotatorio. Pensa nalgún momento asumir outras responsabilidades?

-Eu vin da empresa privada para presentarme á alcaldía de Frades. E nela seguirei ata que así o digan os veciños. A miña aspiración e ser só alcalde. Non teño outras aspiracións políticas.

-Pensa que a acumulación de cargos pode provocar que os veciños sintan que non hai tanto interese polo seu concello?

-Penso que algo diso pode haber e pode pasar factura. Eu, sendo presidente da Mancomunidade de Ordes fun consciente do tempo que che quita, e os veciños tamén.

-Pero a Mancomunidade de Ordes ten moitos servizos comúns. Cre que habería que reforzala?

-Funciona moi ben todo o que ten que ver con Servizos Sociais. Estaría ben poder apostar por outros máis, como un servizo en común para obras e mantemento de estradas, porque se nos poñemos de acordo podemos acadar moi bos resultados, pero é difícil chegar a ese nivel de entendemento. Somos concellos totalmente distintos.