Dodro quere atraer e asentar novas familias no municipio

Uxía López Rodríguez
Uxía López DODRO / LA VOZ

DODRO

MERCE ARES

Entra nun programa de busca activa de vivenda social

06 dic 2020 . Actualizado a las 05:05 h.

O Concello de Dodro aposta firmemente por asentar poboación no rural. Así, dentro da política que o actual grupo de goberno está a poñer en práctica de asentamento e mantemento de poboación, ven de contactar coa ONG Provivenda.org para tratar de incluír este municipio como favorecedor da inclusión social a través da busca activa de vivenda social.

Deste xeito, segundo explica o alcalde Xabier Castro, dado que o concello non dispón aínda dunha bolsa de vivenda social, o goberno local púxose en contacto con propietarios de casas baleiras, «para conseguir prezos accesibles e, co apoio da ONG, presentar un proxecto de asentamento de poboación en Dodro». A maiores, para facilitar aínda máis o asentamento en Dodro, o Concello actúa como catalizador de emprego, ben a través do Programa Integrado de Emprego de Padrón, Rois e Dodro, que xestiona o último Concello «cun éxito considerable de inserción laboral», di o alcalde, como directamente coas empresas do municipio para facilitar ao mesmo tempo a inserción laboral a efectos de asentamento de poboación, explica Xabier Castro.

Deste xeito, dende Provivenda xa se conseguiu que unha familia aceptase trasladarse a Dodro e, finalmente, decidise instalarse neste concello, grazas tamén ao apoio ofrecido polo Concello e por un empresario local. A familia en cuestión iniciou unha nova vida no rural, neste caso de Dodro, «coas condicións de vida que ofrece un concello como o noso, que serven para criar dous rapaces e que estes teñan posibilidades de desenrolo persoal, un futuro de paz, seguridade e prosperidade económica», sinala o alcalde.

Este espera continuar con este proxecto e conseguir convencer a mais familias de que «vivir en Dodro permite dispor de oportunidades suficientes para levar unha vida digna e en igualdade de oportunidade respecto a calquera».

Nesa liña de asentar poboación no concello enmárcase, ademais, outras xestións do goberno local encamiñadas a mellorar servizos e mesmo aumentar a dotación, como así acaba de pasar coa entrada en funcionamento hai pouco tempo dun caixeiro automático, situado nas inmediacións da Casa do Concello. Hai sete anos que Dodro quedou sen a única oficina bancaria que tiña e, por tanto, sen este servizo.

O goberno de Dodro quere fixar poboación nas súas aldeas