Soubo transmitir aos seus fillos un optimismo que moitos quixeran
11 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Auga bendita, santo remedio. Esa era a fórmula milagreira coa que Manuela Viturro, Manuela a do Roxo, solucionaba calquera situación. ¿Que os fillos tiñan un exame moi importante? Auga bendita antes de saír da casa, aínda que o certo foi que o ansiado aprobado chegou o día que se confundiu de botella e no canto de bendicir ao rapaz con auga bendita enchoupouno de augardente. ¿Que o Barcelona dos seus amores sufría máis da conta nun partido? Auga bendita coma se chovera por riba da televisión na busca da ansiada remontada. Esa era a Manuela que recordo, a avoa de Manselle que de cativa tomei prestada e que resulta imposible esquecer. A Manuela fraca, pero xeniúda, ruda e curtida, a Manuela forte que soubo transmitir aos seus fillos un optimismo e unhas ganas de vivir que moitos quixeran. Foi ela a que fixo dos Angueira Viturro un auténtico equipo, no que van todos a unha xa sexa para encher o campo da festa de Manselle, en Dodro, ou para facer fronte á realidade máis crúa. Pero sempre unidos, sempre xuntos. Nunca saberemos se foi cousa da auga bendita ou do seu propio carácter, o caso é que a fórmula non lle saíu mal de todo a Manuela e conseguiu facer dos seus fillos, netos e bisnetos unha gran piña, unha quilométrica cadea humana que onte a abrazou na súa derradeira despedida. Manolo; Julio, o meu padriño; Lidia, da Pulpería Rial; Anxo, presidente da Fundación Rosalía de Castro de Padrón; Amparo, da Casa do Patín, e Pilar son dignos herdeiros. E ela, sabedora de que a semente que plantou nos seus fillos perdura nas seguintes xeracións, xa pode descansar en paz. Ata sempre, e ¡visca Manuela!