Un crisol cultural que fala galego en Arzúa sen complexos

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol MELIDE / LA VOZ

ARZÚA

NOGUEROL

Un proxecto de voluntariado lingüístico reúne a veciños de diferentes países

21 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

-«Gústache falar galego pero non sabes con quen?»

-«Sabes que moita xente quere falalo, pero dálle corte?

-«Pois ti podes ser a persoa que cambie iso».

Son Lucía López e Laura Gil animando a participar nunha iniciativa que botou a andar en Arzúa para fomentar o uso social da lingua, a través de «espazos pequenos onde falar galego sen presións, sen exames, sen clases», conta a segunda. Ela é a normalizadora lingüística municipal e conversa coa concelleira do ramo na procura de dinamizadores, ou, o que é o mesmo, de persoas que non teñen por que «ser profes, nin preparar clases», din; unicamente teñen que «falar galego e querer que outras persoas o aprendan, e que sintan cómodas falándoo», explican.

O diálogo forma parte dun vídeo que o Concello arzuá lanzou en redes para darlle un pulo á participación cidadá no proxecto «Falarmos... Nós», unha iniciativa de voluntariado lingüístico impulsada pola Área da Lingua da Deputación da Coruña da que Arzúa forma parte cun primeiro grupo de conversa que botou a andar cunha ducia de persoas, dinamizadora incluída. «Dende o inicio consolidouse como un espazo marcado pola diversidade e o carácter interxeracional», afirma Laura Gil para sinalar que, entre os asistentes, hai dende unha rapaza de 20 anos ata persoas xubiladas con máis de setenta.

A normalizadora lingüística do Concello de Arzúa destaca que a cota feminina no grupo é algo maior ca de homes, «aínda que o equilibrio é bastante paritario», sinala. Ademais dun punto de encontro entre xeracións, o grupo de conversa en galego configúrase como un espazo de intercambio cultural. A maiores de veciños de Arzúa, de municipios limítrofes como O Pino, e tamén persoas doutros concellos galegos que viven ou traballan na localidade, do grupo de conserva en galego forma parte tamén xente procedente doutras rexións como Cataluña, e mesmo doutros países; entre eles, Cuba, Colombia, Marrocos ou Reino Unido. «Esa mestura cultural e vital é, precisamente, unha das riquezas do proxecto, reivindica Laura Gil.

Intercambio cultural

Confírmao co seu testemuño Lucas Nunes, un dos membros do grupo de conversa. Nado en Brasil, criado dende a adolescencia nos Estados Unidos, e chegado, hai ano e medio a Arzúa dende Cataluña, sostén que participar na iniciativa «é moi importante para integrarase e relacionarse dentro da comunidade». Afirma estar «moi satisfeito» por formar parte do grupo, posto que «temos a posibilidade de falar con xente de Arzúa para poder practicar o galego e escoitar como sona», pero tamén porque «nos permite coñecer parte da súa historia e tamén da de Galicia», engade este políglota que suma o galego ás catro linguas que foi incorporando á fala ao longo da súa traxectoria vital. No grupo de conversa, Lucas Nunes escoitou falar de como se fan as filloas e de como se pescaban noutro tempo lampreas da xente maior que participa na experiencia. É o caso de Carmen Martínez e de Manuel Gómez, de 67 e 73 anos, respectivamente. Este matrimonio desprázase dende O Pino para falar galego «con xente marabillosa á que lle contamos da nosa cultura e do que facemos nós», corrobora ela, animada «porque o que queremos é aprender cousas novas e coñecer experiencias que nunca vivimos», e encantada de participar «porque non nos damos conta do que correo o reloxo», conta. Ademais, «hai unha chica catalá coa que xa nos entendemos bastante ben en galego», comenta Carmen, satisfeita co traballo do grupo.

«O interese por participar é alto», sostén a concelleira

A Casa de Correos de Arzúa é onde, unha vez á semana, se reúne o grupo de conversa para falar, hora-hora e media, en galego. «A experiencia inicial é moi positiva, cunha resposta veciñal que permitiu encher todas as prazas dispoñibles nun tempo moi curto», sostén Laura Gil, para explicar que «a idea é medrar tanto como sexa necesario para cubrir a demanda real». Así, na a Concellería de Normalización Lingüística de Arzúa non establecen un número pechado de grupos. «O interese por participar é alto», apuntan, ademais de animar a implicarse nunha experiencia «aberta a quen queira participar, sen importar a idade; o importante é falar galego e querer axudar a que outras persoas o aprendan e gañen confianza para empregalo en todos os espazos», sostén Lucía López.

A idea que normalizadora lingüística e concelleira teñen para os novos grupos de conversa é que teñan «un carácter máis autónomo, para poder ofrecer máis quendas e maior variedade horaria», sinalan. Nese senso, a figura do dinamizador «afástase dun modelo de dirección tradicional. O seu papel —explican— é o dun liderado positivo, centrado en crear un ambiente cómodo e de confianza para que todo o mundo se anime a falar». A súa función non consiste, así, en «establecer normas ríxidas, senón propoñer temas, deseñar pequenas dinámicas e xogos para practicar a lingua, e prestar atención ás necesidades de cada participante, favorecendo que a conversa flúa de maneira natural».

Para Lucía López, programas como Falarmos... Nós «son moi necesarios para reverter a actual situación do galego». De aí, a participación do Concello de Arzúa, no que «queremos poñer en valor o galego para que estea presente en todos os ámbitos sociais, prestixialo como lingua plenamente válida para todos os contextos, e concienciar da necesidade de falalo e transmitilo ás novas xeracións».