Amaía

Juan L. Blanco Valdés BÁGOAS DE CROCODILO

AMES

Membros do Seminario de Estudos Galegos, nunha foto tomada en 1928
Membros do Seminario de Estudos Galegos, nunha foto tomada en 1928

Hai disto ben anos, unha vez visitoume un colega e bo amigo da Universidade de Salamanca. Contra a tardiña, convideino a visitar a igrexa de Bastavales coa intención de evocar a Rosalía e gozar, ao tempo, da ampla vista que, do val da Amaía, dende ese punto se abrangue. Inopinadamente, apareceu por alí o campaneiro que ao pouco comezou a facer vibrar os venerables sinos do templo, compoñendo unha melodía atronadora, si, mais con ese punto de soñadora nostalxia propia dos sons sen idade. Era outono ben entrado, a tarde viraba ao ouro das follas murchas e, no luscofusco, gasas de brétema conquistaban paseniño o val. Durante minutos permanecemos mudos, subxugados, ao conxuro daquel portentoso son que ecoaba no espazo. Cando rematou, foi como espertar dun soño. O meu amigo miroume emocionado e confesoume que fora un dos momentos máis sublimes da súa vida.

Cando en 1994 me mudei de Compostela a Ames (Bertamiráns estaba daquela comezando o seu frenético desenvolvemento), eu, que teño cerna de poeta (madía a levo), deixeime inocular o estro rosaliano e volvín a Cantares Gallegos dende outra perspectiva. Foi como un Rosalía Tour persoal e intransferible. Agora penetraba o fondo sentimento da meniña que, dende o pazo de Ortoño, morría de soidades oíndo ao lonxe as campás da parroquial de San Xulián.

Cando isto escribo, cúmprese exactamente un século da xuntanza, o 12 de outubro de 1923 e no pazo de Ortoño en homenaxe á poeta, na que un grupo de mozos, cultos, inquedos e intelectualmente famentos de acción, fundaron o Seminario de Estudos Galegos. Unha tarde fun ao pazo co finado de meu pai. O seu tío Roberto Blanco Torres, meu tío avó, estivera ligado fondamente co Seminario. Papá quedou un anaco ollando a placa conmemorativa que hai na entrada. Cando se deu a volta para marcharmos, estaba chorando.

A Amaía pasala de día, pide o refrán para non perder unha chisca da súa beleza. Por aquí andou, en tempos de maricastaña, don Jorgito el inglés, estrambótico vendedor de biblias luteranas, amigo de xitanos a azoute de frades ociosos e cregos lercháns. Do seu paso pola freguesía dos Ánxeles dá noticia temperá o nicrariense Julián Magariños nun breve artigo de Nós (89, 1931): Jorge Borrow no val da Mahía. Hai lugares, de certo, que semellan destinados a poñer marabillas no amencer e prodixios no solpor.