A RAG elabora unha guía educativa sobre o plurilingüismo para «valorar a diversidade» dende o galego

La Voz AMES

AMES

CEDIDA

Presentou a publicación «Ideas para un plurilingüismo dende o galego no concello de Ames»

07 jun 2022 . Actualizado a las 05:05 h.

A Real Academia Galega (RAG) elaborou unha guía educativa orientada ao profesorado co obxectivo de reflexionar sobre a realidade lingüística de Galicia e reforzar a idea do pluringüismo como unha oportunidade para o alumnado máis aló da aprendizaxe de competencias en varios idiomas. Coa premisa de «valorar a diversidade empezando pola lingua galega», a guía parte da análise realizada no mapa socioolingüístico escolar municipal, unha iniciativa do municipio amiense e a Real Academia Galega.

O obxectivo é dotar aos centros educativos de ferramentas para abordar o concepto do plurilingüismo, para encarar esta realidade de forma «inclusiva» que non se limite á «visión instrumental» centrada de forma exclusiva na competencia en varios idiomas e que reforce tamén o respecto pola diversidade cultural, informou a RAG..

Así, o documento, elaborado polo Seminario de Sociolingüística da RAG en colaboración con Bieito Silva e María López Sández, pretende que o alumnado entenda o coñecemento de linguas como unha vía para reforzar o respecto pola diversidade cultural. Henrique Monteagudo, coordinador do seminario, explicou que «tal e como está presentado» no decreto aprobado en 2010 polo Goberno galego o plurilingüismo «abórdase desde unha visión moi instrumental». «Pero fai falta ir máis aló da mera aprendizaxe das linguas, e do inglés en particular, e ter en conta o diálogo intercultural», destaca o investigador, que participou na presentación do documento xunto ao presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, así como o tenente de alcalde e concelleiro de Educación de Ames, David Santomil; e a concelleira de Política Lingüística, Escarlata Pampín.

Na presentación da guía os autores lembran os riscos dunha implantación acrítica de modelos educativos multilingües «sobre os procesos pedagóxicos, as prácticas dos falantes ou a situación social das linguas minoradas»; e sinalan tamén outros elementos que cómpre ter en conta en contextos coma o de Ames onde, xunto aos cambios sociais derivados da irrupción das novas tecnoloxías, se experimenta un crecente impacto da inmigración que debe abordarse cunha proposta respectuosa cos galegofalantes e, ao mesmo tempo, «acolledora para a nova veciñanza e útil para o futuro do alumnado».