«O goberno funciona porque marcamos un programa e traballamos en base a el»

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

AMES

Xoán A. Soler

O rexedor defende o traballo feito con Contigo Pódese e BNG e sinala que os fondos Edusi son o plan de futuro

11 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

José Miñones Conde (Santiago, 1972) é o alcalde de Ames con menor número de concelleiros do seu partido, catro nunha corporación de vinte e un representantes. Encabeza tamén o que chama un trigoberno que non ten maioría absoluta, pero ata o momento o seu mandato transcorre sen aparentes sobresaltos. E neste contexto, fai o seu primeiro balance.

-Nestes momentos nos que xa é evidente que todos os partidos políticos están xa metidos en ambiente electoral. Cal é o balance que fai do seu goberno en Ames?

-Creo que é moi positivo, aínda que levamos dous anos e medio de xestión. Agora estamos a xestionar preto de seis millóns de euros en plans de obras, e a iso hai que sumarlle os investimentos que somos quen de acadar. Xa podemos dicir que somos o goberno que mais investiu en accesibilidade. É evidente que estamos noutros tempos con máis aposta polo diálogo dos veciños e tamén cos traballadores. Agora somos un concello mais social, e por primeira vez a partida de servizos sociais é a mais importante do orzamento. Queda case a metade do mandato, e tamén falta moito por poñer en marcha.

-Quedan, por exemplo, os grandes proxectos dos que sempre se fala en Ames.

-Hai unha realidade, cando chegamos no 2015 había practicamente os mesmos proxectos pendentes que no 2011. Unha necesidade era o cemiterio municipal, un proxecto que ten detrás moito traballo administrativo e agora xa está listo para cando sexa necesario. E os proxectos educativos en marcha, aínda que corresponden á Xunta, teñen detrás tramitación urbanística municipal. No caso do centro de saúde do Milladoiro, non temos o edificio físico, pero fixemos todo o traballo pendente, e buscamos terreos por se había algún atranco. E no apartado económico cumprimos o compromiso de acabar co plan de axuste e acadar a débeda cero que nos permite acudir aos fondos europeos Edusi, que é o noso plan de futuro co que imos ter unha oportunidade única que nos vai permitir contar cun centro de mocidade e ter un sistema de transporte interno para conectar o rural cos núcleos urbanos e unha administración electrónica de aplicación directa para a cidadanía.

-Goberna con Contigo Pódese e BNG, pero aínda así non ten maioría. Non parece sinxelo.

-Loxicamente é un traballo máis arduo que se fose un goberno en maioría. Pero temos a experiencia do pasado máis recente, cun goberno de once que provocou unha situación única polas loitas internas. A práctica demostra que a estabilidade depende da persoas, e as persoas que estamos neste tripartito temos un goberno que funciona porque marcamos un programa e traballamos en base a el. Pero é evidente que isto implica moitas reunións e contactos cos membros do goberno e tamén da oposición.

-E logo está ese difícil equilibrio entre Milladoiro e Bertamiráns.

-E tamén co rural, que sempre nos din que todo vai para os núcleos de Milladoiro e Bertamiráns. No goberno sempre falamos de Ames, pero hai un dato innegable, que é que coa planificación das obras investimos un 49 % no rural e o 51 % nos núcleos. E logo, están as particularidades. Por iso a gran maioría dos fondos nestes anos foron para Milladoiro porque había unhas necesidades históricas, pero o plan de obras deste ano tivo unha compensación con Bertamiráns. E aínda que a vida administrativa está en Bertamiráns, tratamos de eliminar esa barreira buscando esa conectividade, e que se vexa que a diferenza vai a menos.

-Dáse por feito que vai repetir como candidato do PSOE. Como ve o enfrontamento con compañeiros de goberno?

-Eu teño moi claro que cando vas a unhas eleccións cun partido tes en conta as siglas. Pero penso que a campaña é dar conta do traballo feito, independentemente de que teñas enfronte aos que formaron parte do teu goberno. Sempre fixemos unhas campañas non de crítica, pero si de contar a realidade e de facer propostas.

-Costa imaxinar as listas.

-Tamén teño moi claro que vai haber unidade nese ‘pacto polo PP’ (PxA e populares) porque sempre votan igual e se reparten os papeis. Fóra diso, faltan as caras polos procesos internos que poida haber nos diferentes partidos pero tamén aparecerán outras, como é o caso de Ciudadanos, que tiña un edil que agora é concelleiro non adscrito.

«Co parque de bombeiros, por primeira vez conseguimos un acordo unánime»

 

 

Darlle unha solución ao parque de bombeiros e tamén pechar o proxecto da depuradora son as prioridades pendentes na comarca, e nelas Ames ten moito que dicir. E Miñones ten unhas respostas mais claras ca outras

-Que vai pasar coa depuradora de Santiago? Pódese pensar que Ames é vítima e verdugo.

-Se algo temos claro é que a peor solución é facer a depuradora nun entorno que vai provocar un asasinato ambiental tendo outras instalacións a 400 metros e que se poden aproveitar e non tirar os cartos. Non se pode meter o foco en Ames porque non ten capacidade de decisión. Se dependera de nós, seguro que non estabamos nesta situación.

-Como contrapeso, dáse xa por pechado, e para ben, o parque comarcal de bombeiros?

-Co parque de bombeiros todos os alcaldes da Mancomunidade marcamos un obxectivo común, e por primeira vez conseguimos un acordo unánime que desbloqueou a situación para que Santiago presentase un proxecto e que o Consorcio se sumase ao mesmo. E agora nós temos aportar a nosa parte, non poñendo trabas dicindo que a ubicación nos da igual e aportar economicamente o que no corresponda.

-No capítulo do debe, vostede sempre fala das dificultades para negociar proxectos coa Xunta. Cal é o problema?

-Se a Xunta nin nos recibe, pouco diálogo podemos ter. Por exemplo, a conselleira de Medio Ambiente nunca me recibiu para falar, tendo o proxecto pendente da depuradora de Sisalde. Dende hai ano e medio levo pedindo unha reunión. E se non hai ningún contacto non se pode trasladar nada nin acordar nada.,