Por cuartos

Tamara Montero
Tamara Montero CUATRO VERDADES

AMES

Pasa dende hai un tempo. Empezou aos poucos, como comezan todas as cousas que despois todo o cambian. Compostela, ultimamente, anda descolocada. Desfixéronse as fronteiras. E escapou ese balbordo quedo que acompañaba á cidade de pedra. Anda por calquera recuncho, dende O Romaño a Santa Marta. Xa non é exclusivo. Xa se escoita en calquera barra. Esa mestura de ducias de idiomas, o son das preguntas, o son das respostas. O perdoe, excuse me excusez-moi, mi scusi, Pode ajudar-me? Están onde antes non estaban. Camiñan por onde antes non camiñaban. Mercan onde nunca pensaran que lles ían ir mercar. E van aos bares que poucas veces os serviran. Pasa dende hai un tempo. Pasa aos poucos, pero vai medrando. E xa non ten parada. Os pisos baleiros volven encherse. Alúganse por cuartos, pero non por temporada. E onde antes había unha cama e un escritorio como acto de fe de que este ano si, este ano imos levalo ao día, agora hai unha cómoda do xigante sueco e un mapa da cidade. Porque se orienten á súa chegada. Os pisos turísticos volveron máis turística unha cidade xa abondo turistificada. E os redutos, as goridas que aínda quedaban aos aborixes pouco a pouco van sendo colonizadas. Non hai problema. Se a convivencia é moi necesaria. Pero mellor ter tino. Para que os que veñen de fóra non provoquen unha desbandada. Que os prezos soben. Que as rendas non nos acadan. Que cada vez hai menos opcións. Que total, mellor marchamos. Que as vivendas están máis novas. Mellor conservadas. E Santiago desprázase a Ames, a Teo, a Boqueixón. Á nada. E os pisos turísticos comen a cidade baleira. Imaxinaria.