Verónica Santos, directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura: «As alianzas nacionais e internacionais situarán ao Gaiás nun contexto global»
SANTIAGO
Destaca a próxima mostra en colaboración co British Museum: «Será ter un anaco desa institución»
15 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A historiadora e xestora cultural Verónica Santos (Vilaboa, 1973) cumpriu recentemente un ano como directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura, unha institución que coñecía moi ben pois desde o 2011 xa viña traballando no eido das exposicións, coordinando proxectos e tamén como comisaria. «Para min este ano foi unha gran aprendizaxe e moi intenso. Aínda que xa es consciente de toda a actividade que se desenvolve na Cidade da Cultura, non é o mesmo estar á fronte do departamento. É todo un reto», explica.
—Cales foron as prioridades nestes meses iniciais?
—Neste primeiro ano tiña claro que había que establecer un equilibrio entre as actividades que estaban funcionando e que xa son un reclamo para o público —como poden ser Atardecer no Gaiás, Cidade Imaxinaria, Pequefilmes..., nos que houbo algún axuste— con novos proxectos que dun xeito orgánico se foran introducindo no programa cultural. No verán puxemos en marcha Gaiás en verde, que supón potenciar a sustentabilidade, o medio ambiente a través de actividades ao aire libre. Despois tamén quixemos dar un xiro cara a algunha actividade de pouso tecnolóxico, como foi o foro Sinte. Outra aposta consistiu en intensificar a difusión e a mediación das exposicións, como foi o programa Inspira. O que estamos facendo é integrar toda a proposta educativa, formativa, lúdica, coas mostras. Ten que ver coa idea de prolongar as exposicións máis alá do que é o goce das visitas, establecendo obradoiros, visitas especiais, danza e música dentro do propio espazo expositivo. Outra das vías, por exemplo, é aumentar as propostas familiares, pero a través do xogo, como o Gaiás en Xogo desta semana.
—Que está subliñado en vermello a curto e medio prazo?
—A nivel expositivo estamos coa tramitación dunha exposición internacional co British Museum, que é Voces do Pacífico. Queremos traer ese mundo do Pacífico a Galicia, esas culturas que son máis descoñecidas. É unha xestión importante en canto ao traslado, montaxe e aos equipos implicados. Van estar máis de seis persoas do British durante quince días na montaxe e na desmontaxe en relación directa cos nosos equipos. Isto tamén supón unha convivencia moi interesante desde o punto de vista técnico, de aprendizaxe e de intercambio de como traballa un museo internacional. É ter un anaquiño desa institución aquí. Tamén traballamos nunha exposición que nos fai moita ilusión, que é sobre a colección de artistas galegos no Museo Reina Sofía. Ademais, temos prevista outra mostra, A terra do ouro branco, en colaboración co Incipit, que traerá pezas de ouro do contexto europeo. Teremos algunha sorpresa ademais de mediación educativa, que penso que vai gustar moito.
—Neses asuntos en vermello está o Centro de Artes Dixitais polo reto de dotalo de contidos?
— Si, estamos agora coa fase de dotación técnica, co estudo da licitación e, en breve, anunciaremos prazos. Ademais, estase rematando a cuberta. En canto aos contidos, penso que teñen que dar cabida a proxectos internacionais e tamén incentivar a creación local con artistas galegos.
—Nos últimos anos, a Cidade da Cultura encabezou ou sempre estivo nos primeiros postos do barómetro da Fundación Contemporánea a nivel galego, pero falta o salto para lograr impacto a nivel estatal. Cal é o camiño para acadalo?
—Creo que axudan eses pasos que estamos dando en crear eventos de cultura contemporánea, como o foro Sinte, para que nos coñezan. Outra das claves é a internacionalización, tanto en proxectos expositivos como culturais. Estamos en contacto co Reina Sofía e con outras institucións coas que xa estamos traballando de cara ao Xacobeo —que anunciaremos no seu momento—, que tamén son entidades nacionais museísticas de recoñecido prestixio, á parte da Fundación «la Caixa». Creo que esas alianzas con centros nacionais e internacionais poderannos situar no futuro nun contexto global, ser aínda máis coñecidos e estar nos mapas do Observatorio da Cultura. Rede de alianzas, apostar por eventos de cultura contemporánea nos que se recolla a tecnoloxía como unha das ferramentas actuais e internacionalización. Para min eses son os eixes clave.
—Despois da experiencias co entidades como o British Museum, o Museo de Terra Santa, a Fundación Gulbenkian... Xa é máis doado acceder a propostas internacionais?
— Evidentemente. Son traballos que se realizaron satisfactoriamente para todas as partes e onde xa eles mesmos che propoñen colaboración ou che preguntan se estás disposto a valorar ou incorporarte a un proxecto. A verdade é que iso é un salto cualitativo importante e que se avala polo traballo realizado, pola experiencia. Estamos traballando no futuro para o Ano Xacobeo, para o 27 especialmente, xa con ese tipo de propostas.
—Como se conxuga ese internacionalizar coa ollada ao propio?
—É un equilibrio que sae de xeito bastante natural porque precisamente, a nivel expositivo, grazas á división de salas e ao gran espazo que temos —que evidentemente sempre é un reto— favorécenos ter unha programación diversa. Está o local ou autonómico, xa que nos interesa sempre poñer aí o foco con autores e autoras que teñen unha significación para a cultura e arte galego. Entón esa combinación sae de xeito doado na programación. Sempre vai haber un espazo para artistas, para celebracións, aniversarios, conmemoracións, que é algo que está dentro do noso ADN: facer que, ademais por anos sinalados, se difunda e se exhiba un acontecemento, un colectivo ou uns artistas de gran significado para Galicia. Tamén estamos poñendo o foco no tema da autoría feminina.
—Van continuar as itinerancias?
—As itinerancias foron unha gran sorpresa ademais positiva de público. O ano pasado máis de 60.000 persoas pasaron polas itinerancias.
«Queremos chegar ao público adolescente»
Sobre a mesa de Verónica Santos tamén figuran novas iniciativas para acompañar a esas citas xa consolidadas, como Atardecer no Gaiás, Cidade Imaxinaria, Escenas do Cambio...
—Si, estamos pensando en actividades escénicas e musicais para o futuro que serán na segunda parte do ano. No verán haberá algunha novidade escénica no exterior, e de cara ao outono, unha nova proposta musical.
—Contan tamén con novos espazos, como o campo de ocio ou o escenario que están ampliando no Edificio Fontán. Hai previstas neles novas iniciativas para dotalos de contido?
—Si, hai actividades musicais que se van desenvolver nos espazos exteriores, e citas tamén escénicas que se van organizar nese espazo novo do Auditorio Fontán, que agora está tamén en fase de licitación de equipos técnicos. As prazas do Gaiás tamén se verán conquistadas.
—En canto a novos públicos, hai algún no que poñan especialmente o foco para atraelo?
—Hai o público adolescente ao que queremos chegar cunha programación máis axeitada para eles, especialmente nos programas de concertos. Por iso no Atardecer do 2025 houbo algunha proposta ligada de xeito máis directo coa música urbana para que a eles lles poida enganchar un pouquiño máis. O programa de concertos de Atardecer este ano vai ir reforzando esa idea de atraer ao público novo tamén.
—É o gran esquecido?
—Máis que o esquecido é como un público que é máis difícil de atraer. Creo que a través da música é unha das claves para que coñezan a Cidade da Cultura e, incluso, logo se poidan achegar a outras actividades. Tamén o intentamos facer a través de propostas tecnolóxicas. Por outra parte, en canto aos públicos, estámoslle dedicando moito esforzo no eido da accesibilidade e a inclusividade. Temos programas de lectura fácil, audiodescricións, vídeos en linguaxe de signos...