Diana Toucedo trae México á MICE: «O cine pode achegar coñecemento desde o etnográfico»

M. G. Iglesias

SANTIAGO

.

A cineasta galega estrea en Galicia o seu novo traballo, «La historia todavía no conoce mi nombre»

11 mar 2026 . Actualizado a las 04:50 h.

20.30 horas • Teatro Principal • Entrada de balde previa retirada de convites • A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) programa esta tarde a sesión competitiva de Galicia, que incluirá a proxección de cinco filmes: «El cuerpo de Cristo», de Bea Lema; «Alboroque», de Sabrina Fernández Casas; «Furada negra», de Berio Molina —recolle sons de covas galegas—; «A voz de todas as cousas», de Daniel Pérez Silva; e «La historia todavía no conoce mi nombre», de Diana Toucedo. Precisamente, esta última é estrea en Galicia do filme rodado en México pola cineasta galega. «Fun alá motivada por un taller que estaba impartido por un cineasta que admiro moito, o tailandés Apichatpong Weerasethakul. Neste Creators Lab propoñen facer unha filmación a modo intensivo en doce días nun lugar, neste caso, o Yucatán», explica a cineasta.

O resultado dese obradoiro son os 17 minutos dun filme nos que a creadora pretendeu unir dous elementos: unha parte mística e espiritual, ligada ao nahual —un ser a modo de chamán, que pode moverse por corpos, seres e espazos—, e unha das grandes obras do anterior presidente mexicano, López Obrador: o tren maia. «Cando pensamos no tren vémolo como un espazo de evolución, de progreso, pero tamén pode ser unha estrutura que impacta no territorio, desprazando a comunidades indíxenas, destruíndo miles de quilómetros de recursos naturais, como son os cenotes, a selva...», detalla a realizadora. Entón, Diana Toucedo decidiu reflectir ese conflito e para iso foi fundamental contar cun dos arquitectos e arqueólogos dun dos tramos do tren, precisamente, aquel que discorre preto de Chichén Itzá, un dos puntos arqueolóxicos de referencia da cultura maia. Con este filme, Diana Toucedo regresa á MICE onde xa participou en edicións anteriores con outros traballos. «É unha cita moi importante por amosar como o cinema etnográfico se pode replantear, reinventar e expandir en cada edición», afirma, engadindo que «o cinema pode achegar valor e coñecemento desde o etnográfico».

A curta estreada no festival de Valladolid, e que agora se ve na MICE seguirá o percorrido polo festival D’A de Barcelona. Toucedo agarda poder estreala tamén en México.