Fiestra Aberta achegará a música de Sés, Rocío Márquez e Antía Muíño a Santiago

La Voz

SANTIAGO

Antía Muíño
Antía Muíño BASILIO BELLO

O novo ciclo musical tamén contará con Xan Campos, Pablo Sanmamed e Su Garrido Pombo ata finais de maio

04 mar 2026 . Actualizado a las 21:33 h.

A presentación de «Anfibia por veces», o segundo disco de Antía Muíño, o vindeiro 5 de marzo no Teatro Principal, dará continuidade neste 2026 ao ciclo Fiestra Aberta que Compostela Cultura iniciou en decembro. Ata maio haberá cinco actuacións máis coa participación de Sés, Rocío Márquez, Xan Campos, Pablo Sanmamed e Su Garrido Pombo.

A iniciativa, que está inspirada simbolicamente na fiestra aberta que coas súas palabras demandaba Rosalía de Castro, busca un encontro entre a creación galega e outras voces singulares do panorama estatal e internacional. En marzo haberá dúas citas. A primeira será ese día 5 con Antía Muíño para amosar o traballo que verá a luz en dez días. «É dos concertos máis especiais da miña vida», afirmou onte no Concello xunto á concelleira Míriam Louzao e á tamén artista Su Garrido.

Xa o día 21 de marzo, neste caso no Auditorio de Galicia, será a quenda de Sés, que presentará «Nadando na incerteza», un traballo no que aposta pola esencialidade da canción, afastándose de artificios, cun directo próximo no que a voz e a palabra adquiren un protagonismo central.

En abril tamén haberá dobre proposta. O día 11, ás 20.30 horas, no Auditorio de Galicia, subirá ao escenario unha das figuras claves do flamenco actual: Rocío Márquez. Estará acompañada pola guitarra de Pedro Rojas-Ogáyar para presentar «Himno vertical», unha proposta na que reformula o réquiem desde unha dimensión ritual e colectiva.

Xa o día 22 de abril, no Teatro Principal, tomará o relevo Xan Campos, con «Amorodios», un traballo que supón un punto de inflexión na súa traxectoria ao sumar a voz da man de Faia Díaz. Completan o proxecto Iago Fernández e Virxilio da Silva.

Pablo Sanmamed abrirá maio coa presentación de «A estrela mostrada», un proxecto que retoma o diálogo entre música antiga e jazz contemporáneo, inspirado nas cantigas da lírica galego-portuguesa e noutras tradicións medievais. A cita será o día 3 no Principal.

O peche neste primeiro semestre será o 29 de maio, ás 20.30 horas, no Teatro Principal, con «Traspielas» de Su Garrido Pombo. Trátase dunha proposta multidisciplinar xunto a Macarena Montesino, Iago Ramilo, Marco Maril e Fran Rodríguez Casal. Neste caso, combinarán música, palabra e imaxe para celebrar a memoria colectiva dunha aldea. Haberá unha mestura de cancións tradicionais, electrónica e experimentación.

As entradas para estes concertos estarán dispoñibles desde hoxe ás 11 horas en compostelacultura.gal e na Zona C. Os prezos dos tiques oscilarán entre os 12 e os 14 euros.