O festival ao que lle dá nome a poeta, promovido pola Deputación el colaboación co Concello, ofrecerá dúas xornadas de literatura, música, artes escénicas e talleres arredor da efeméride do seu natalicio
07 feb 2026 . Actualizado a las 04:55 h.A figura de Rosalía de Castro estará moi presente de novo na cidade os días 21 e 22, co Festival Rosalía (o oitavo), que achegará unha ampla e variada programación na que a literatura, as artes escénicas e a música darán conta do legado «da muller máis representativa do país», segundo a deputada provincial responsable de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra, quen onte presentou a programación deste ano en Raxoi xunto coa alcaldesa, Goretti Sanmartín. Promovido pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello compostelán, este festival arredor da efeméride do natalicio da poeta terá o seu escenario principal na praza de Mazarelos, aínda que tamén se estenderá ao Teatro Principal e ao colexio maior de Santo Agostiño.
Co lema «Porque así somos», tirado dun poema de «Follas novas», o festival arrancará cun taller de pintado na cara da figura de Rosalía e o paseo teatral e musical dos Quinquilláns polos espazos da autora na súa cidade natal. Un obradoiro de rap e unha sesión vermú con blues do país animarán a mañá da primeira xornada, ata a chegada da poesía con Chan da Pólvora, pola tarde, e outras actividades que concluirán cun concerto de Loita Amada en Mazarelos. Ademais de xogos tradicionais e intervencións teatralizadas, o 22 traerá, entre outras actividades, unha sesión vermú con Uxía, Javier Ruibal e Marcos Teira, un concurso rosaliano para toda a familia, o concerto de Acordeireta e o show de maxia e música do mago Teto.