O prazo para inscribirse está aberto ata o 13 de febreiro
27 ene 2026 . Actualizado a las 04:50 h.Os Premios de Pódcast en galego e portugués Xosé Mosquera «O Vello dos Contos» medra nesta oitava edición ampliando a participación a todo o estudantado, xa que ata agora cinguíase a Primaria e Secundaria. Nesta ocasión, poderán participar tamén alumnado de centros de Secundaria para adultos, así como doutros centros de ensino non universitario e de aqueles que imparten ensinanzas de réxime xeral fóra de Galicia. Ademais, poden presentarse estudantes das universidades galegas e lusas. Este certame —que está impulsado polo IES Rosalía de Castro, a Secretaría Xeral da Lingua e Arraianos Producións, ademais doutras entidades— foi presentado onte na emisora escolar do CPR La Milagrosa de Santiago, onde actualmente está a exposición itinerante sobre a primeira estrela mediática de Galicia, Xosé Mosquera. O programa estivo conducido polo responsable de Arraianos, Aser Álvarez, e asistiu alumnado de 6º de Primaria.
O prazo para inscribirse a través de ovellodoscontos@arraianos.com está aberto ata o 13 de febreiro. Despois, hai ata o 1 de maio para enviar o pódcast. Hai distincións por categorías —que se incrementan— e, como novidade, un gran premio dotado con 1.500 euros. Ademais, a temática tamén se amplía.