Alba Nogueira, candidata a reitora da USC: «Non vale que as receitas, os servizos e as titulacións sexan como os de hai 20 anos»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Alba Nogueira, na Facultade de Dereito da USC, onde é catedrática de Dereito Administrativo
Alba Nogueira, na Facultade de Dereito da USC, onde é catedrática de Dereito Administrativo XOAN A. SOLER

A catedrática de Dereito Administrativo aposta por planificar o relevo xeracional e por dotar de recursos estruturais a investigación

26 ene 2026 . Actualizado a las 17:32 h.

Alba Nogueira López (Toba, Cee, 1968) escolle a Facultade de Dereito para esbozar as ideas que quere implantar nunha Universidade de Santiago (USC) que escolle a primeira muller reitora dos seus 530 anos de historia.

—Cal sería a súa primeira medida?

—Agradecerlle á xente a súa confianza e chamar aos meus fillos, que están fóra [sorrí]. Despois, sentarme co equipo para empezar a impulsar reformas. O que nos transmite todo o mundo é que necesita tempo. Os profesores, para dar clase e investigar. Os Ptxas consideran que fan tarefas innecesarias. Nos estudantes hai unha sensación, que se acelerou tralo covid, de que teñen o tempo espremido, cunha hiperinflación de traballos pequenos que non lles permiten ter unha idea global do que estudan. Toca facer un esforzo para acadar unha redefinición de títulos, de formas de ensinar, de acompañamento á investigación, así como desburocratizar e quitar papeleo.

—Por que deu o paso para presentarse como candidata?

—Creo no traballo comunitario. A xente que me acompaña leva toda a vida traballando pola universidade, dende abaixo. Cando contrastas os pareceres de todos, emítese a mesma sintonía: se isto segue así, eu non podo continuar dando o do de peito. A universidade vive un proceso de desánimo colectivo e ten que reilusionarse. Eu non vou dar eslóganes, é moi fácil dicir palabras como innovar ou coidar. Cando digo que imos cambiar cousas, digo imos facer isto, isto e isto. Propostas que xa defendemos. Puxemos enriba da mesa o debate da vivenda e agora é un lugar común. No claustro defendemos que non pode haber o nivel de precariedade que existe nalgunhas figuras de profesorado. Xente que con trinta e moitos anos cobra 1.500 euros despois de facer carreiras de investigación internacionais. Pero hai quen cobra 700 por dar unhas xornadas case completas de clase. Non pode ser.

—Se tivera que facer un diagnóstico do estado da USC, cal sería?

—Vexo unha gran universidade. Hai dous datos claros: facemos máis do 50 % da investigación de Galicia e as titulacións que primeiro esgotan prazas son as da USC, con notas de corte claramente diferenciadas, como é o caso de Dereito, onde dobramos a Vigo ou A Coruña. As sombras? Ter un persoal envellecido. Aínda que houbo un certo proceso de remuda xeracional, falta visión estratéxica que provoca que moita xente, pola combinación de idade e falta de apoio, estea nunha situación de desánimo. No caso dos estudantes, o covid introduciu dinámicas de maior absentismo e problemas de saúde mental. É algo que debemos tocar. O contexto non é fácil: estamos nun mundo moi competitivo con universidades internacionais que ofertan títulos aquí, e outras privadas que ofrecen títulos subestándar. Tamén se está cuestionando o pensamento científico e crítico, que é xusto o que facemos nós. Creo que todo iso esixe unha acción de goberno. Non vale que as receitas, os servizos e as titulacións sexan como os de hai 20 anos. O mundo está cambiando.

—Como se reverte o envellecemento da USC?

—Planificando. Este ano xubílase Carracedo, que é unha figura referencial da USC. É algo que a universidade debe anticipar para que as liñas de investigación, e o que el achega, continúe a medio prazo, aínda que vaia seguir como emérito. No caso dos Ptxas é igual. Temos xente moi formada que leva moitos anos desenvolvendo funcións chave. A oportunidade que temos é que os procesos de remuda tamén permiten facer incorporacións para cubrir novas necesidades. Por exemplo, no proceso de telematización. Ao mellor non precisas tanto persoal administrativo e si máis técnicos de datos, informáticos ou persoal en investigación e internacionalización.

—Para o 2030 espérase unha caída de alumnos pola baixada da natalidade trala crise do 2008. Como pensa facerlle fronte?

—Seguimos sendo unha universidade atractiva e iso permítenos ter un pequeno colchón. A oferta de mestrados construíuse un pouco correndo e atando o zapato ao mesmo tempo, froito de iniciativas voluntarias moi meritorias do PDI. Aí é onde está a gran aposta das universidades privadas, que cobran uns cartos que moita xente non pode pagar, e cunha calidade bastante frouxa. Creo que temos que definir unha oferta de posgrao e temos que definir unha oferta formativa para o longo da vida. Non podemos facer coas microcredenciais o mesmo que cos mestrados.

—A USC ten unha inxente cantidade de infraestruturas. Que ten en mente nese eido?

—Unha prioridade é que o plan de financiamento, que negociaremos este ano, debe contar cun apartado específico para os edificios históricos da USC. É un patrimonio cultural de Galicia que hai que protexer, non só porque sexan da universidade. Creo que o edificio de Historia ou Medicina deben ser algo á marxe dos cartos que, por exemplo, reciben as catro facultades de Dereito.

—A investigación aparece como unha vía fundamental para o futuro das universidades públicas.

—A universidade está facendo un esforzo investigador moi importante. A Xunta presume da investigación que se fai en Galicia, pero estase facendo cun esforzo sobrehumano dos investigadores, que moitas veces sofren condicións moi precarias e inestables. A investigación é unha actividade estrutural que precisa persoal de base e técnicos de apoio para que funcione.

—Que relación espera co Concello e coa Xunta?

—Confío en que boa. Coñezo persoalmente ao conselleiro e á alcaldesa. A nosa intención é que as cidades entendan que ser unha cidade universitaria é un signo distintivo. En Santiago compartimos, nas dúas direccións, infraestruturas. A cidade leva toda a vida usando as deportivas nosas e os nosos salóns de actos deberían estar abertos. Tamén lle temos que pedir á cidade que faga un esforzo co Consorcio. A rehabilitación de edificios da universidades tamén é un problema da cidade. No caso da Xunta, a ninguén lle beneficia máis que á universidade lle vaia ben. O noso deber é que a xente que sae das nosas aulas sexan os profesionais do mañá e non teñan que irse fóra. Para iso temos que dialogar coa Xunta.

—Ve un futuro en Galicia con tres facultades de Medicina?

—Agardo que non, e parece que o acordo, se hai lealdade entre as universidades, non vai nesa dirección. Si se producira porque hai deslealdade ou incumprimento, a USC ten os vimbios para contar cunha titulación de excelencia e para ser unha facultade de referencia.

—Como viviu que a apartasen temporalmente das eleccións?

—Quero pasar páxina. Estaba convencida de que cumpría. Atrasou a realización de encontros, pero exemplificou as cousas que a universidade ten que desterrar: o exceso documental, as trabas á participación...

En curto

Unha película

Unha que me tocou bastante foi La vida secreta de las palabras, de Isabel Coixet. É dura, pero paréceme moi bonita.

Unha canción

Se é para festa, Girls just wanna have fun, de Cyndi Lauper. E en plan tranquilo, Gallo rojo, gallo negro, de Silvia Pérez, ou Tú, cuya mano, de Amancio Prada.

Un lugar

Algunha praia salvaxe da Costa da Morte nun día de vento.

Que é o máis importante da vida?

O amor da xente que tes arredor.

Un desexo persoal

Estes días, que haxa paz. Está a situación tan revolta que é necesario que se destensione e que incluso se corrixan conflitos como o de Gaza, que é unha atrocidade.

Unha comida

Cociño bastante ben [ri]. Depende do comensal, quizais por un recordo, as empanadillas ou as patacas recheas da miña nai.

Un referente

Creo que Pepe Mujica. Paréceme un exemplo de persoa digna, sinxela nos gustos, coherente coa súa formulación vital. Vino cando estivo en Santiago.

Unha afección

Empecei a tocar o acordeón e tiven que deixalo. Aspiro a aprender, pero tamén me gusta viaxar, cociñar, ler ou a costura...

Un superpoder

Non sei se me gustaría... Ter máis tempo, poder xerar tempo.