Participarán a nova promesa do violín Anxo Gómez Piñeiro e a pianista Haruna Takebe
26 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Día 28 • 12 horas • Igrexa de Bonaval • Acto aberto • O Ano Castelao, dedicado ao insigne galeguista, clausúrase este domingo cunha cerimonia musical na igrexa de San Domingos de Bonaval, na que a nova promesa do violín Anxo Gómez Piñeiro e a pianista Haruna Takebe interpretarán varias obras de Bach e Beethoven, así coma outras de Pablo de Sarasate e Manuel Quiroga. O acto será ao mediodía e, entre as pezas que se escoitarán nesta despedida, estará tamén «Foliada de Negreira», obra tradicional adorada por Castelao, segundo a Fundación Castelao, que organiza o acto en colaboración coa Deputación da Coruña.
A Fundación Castelao participou este ano en 56 actividades relacionadas co 75 aniversario do pasamento do ilustre galeguista e polifacético rianxeiro. «Foi un exercicio de memoria colectiva que nos axudou a reencontrarnos coa nosa identidade como pobo», afirma o presidente da entidade, Miguel Anxo Seixas. Ese medio centenar de iniciativas da entidade sumáronse aos centos de eventos organizados para enxalzar a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao tanto dentro como fóra de Galicia impulsadas por numerosos colectivos, institucións e entidades para lembralo no 75 aniversarario do seu pasamento. «Cada un destes actos foi, non só unha oportunidade de achegamento á vida e ao labor artístico e político dun dos maiores intelectuais que deu o noso país, senón que foi, no seu conxunto, un exercicio de memoria colectiva que nos axudou a reencontrarnos coa nosa identidade como pobo e a traer aos nosos días un pasado tan próximo que podemos aínda ulilo ao lonxe», destaca Seixas.