Seis horas de diversión coa Festa do Apego o 27 en Santiago

La Voz

SANTIAGO

Imaxe da edición da Festa do Apego de 2024
Imaxe da edición da Festa do Apego de 2024 .

A programación, que se desenvolverá no Auditorio de Galicia, inclúe dúas estreas de espectáculos

23 dic 2025 . Actualizado a las 04:50 h.

Sábado 27 • De 12 a 14.30 e de 16.30 a 20 horas • Auditorio de Galicia • A Festa do Apego regresa este sábado para ofrecer a posibilidade á cativada de divertirse e socializar en galego con propostas durante seis horas. Entre elas, destacan a estrea de dous espectáculos. Un deles é «A árbore dos desexos», un conto musicado da formación compostelá Pillaband (13.30 horas). O outro é «Voo», unha peza de teatro físico, música e obxectos da compañía Teatro ó Cubo (16.45 horas).

Na programación tamén destaca o colofón cun espectáculo musical de Bibopalula, a exitosa serie de debuxos da plataforma xabarin.gal protagonizada por Ava e os paxaros do bosque (19 horas).

Haberá máis citas. A cativada máis miúda, ata 3 anos, poderá gozar de «Meco e Sono», de Xarope Tulú (12 e 12.50 horas). Non faltarán tampouco as contadas. Pérez & Fdez achegarán «Rosa e azul» (12.45 horas), mentres que Alba de Vales ofrecerá «Contos arredor do lume» (17.45 horas).

Ademais, durante toda a xornada haberá xogos con Vaidevai e recursos educativos con Razolinda, Atlantic Porte e a libraría Couceiro.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, destacou que Santiago foi un dos impulsores do programa Apego. Na actualidade «conta con 748 familias inscritas, das cales 42 se foron incorporando ao longo deste ano 2025 ao programa e 15 delas puideron achegarse ao Espazo Apego para manter unha entrevista de presentación».