«A ciencia ten que ser de todos»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

EQUIPO DE LUXO. Jorge Mira, Elena Vázquez e Manuel Gago serán os poñentes do Foro de Divulgación que se celebra o martes ás 12 horas no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación
EQUIPO DE LUXO. Jorge Mira, Elena Vázquez e Manuel Gago serán os poñentes do Foro de Divulgación que se celebra o martes ás 12 horas no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación XOAN A. SOLER

O Foro de Divulgación e Cultura Científica da USC, que se celebra este martes ás 12 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación, pon o foco na importancia do coñecemento para formar mentes críticas

10 nov 2025 . Actualizado a las 10:56 h.

Unha voráxine de ideas xorde en segundos se diante se atopan Elena Vázquez Abal, Jorge Mira e Manuel Gago. Eles serán os poñentes do primeiro Foro de Divulgación e Cultura Científica da USC, que se celebrará este martes 11 de novembro, ás 12 horas, no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Alí botarán a mirada ao seu pasado, que conflúe na paixón por acercar o coñecemento, rigoroso e de valor, ao conxunto da sociedade. Liberar a ciencia das barreiras que marcan as facultades e os centros de investigación para que chegue a cada fogar de Galicia. «A ciencia ten que ser de todos», resume de maneira tallante Vázquez Abal dende o seu despacho da Facultade de Matemáticas.

É ela quen comeza co seu relato, que arrancou cando era unha nena e mostrou un talento especial cara os números. «A xeometría sempre foi o que máis me gustou. Apetecíame ser arquitecta, pero nunca fun demasiado boa no debuxo artístico», admite entre risas. Foi moito máis tarde, cando xa impartía docencia na USC, que a divulgación científica se converteu nunha parte da súa vida: «Fixemos unha actividade que se chamaba Andaina pola Matemática. Copiamos o que se viña facendo no País Vasco. Viñan divulgadores cada 15 días e falaban das matemáticas e do cine, das matemáticas e malabares, un montón de cousas...».

A partir de aí, Vázquez Abal comezou a participar en actividades xunto a Xurxo Mariño e Casto Rivadulla, cos que empezou a «ir por bares de toda Galicia. Iamos á Estrada, Redondela, Vilagarcía... Falabamos do cerebro, das matemáticas... Viña César Goldi, o actor, con nós. A xente estaba xogando ás cartas, charlando e dábase a volta e empezaba a atendernos». Admite que foi algo que lle encheu: «Ese contacto coa xente era moi bonito».

Considera que a divulgación resulta fundamental porque disciplinas como as matemáticas «fanche moito máis libre. Dende ir ao supermercado a entender o gráfico dunhas eleccións». Para iso cre que é importante valorar os científicos que perden parte do seu tempo para transmitir coñecemento: «É algo que fas porque che gusta, pero que é importante que se valore. Veñen moi boas xeracións, que xa están acostumadas a falar en público e dominan as tecnoloxías. É importante apoialos, pero tamén que sexan rigorosos».

A chegada de Jorge Mira á divulgación tamén foi polo azar. O que seguramente sexa o científico máis popular de Galicia comezou a súa ampla carreira mediática hai case tres décadas. En case ningún medio de masas nacional había seccións fixas de ciencia. El conseguiu facerse un oco na televisión por casualidade, despois de publicar un artigo sobre a temperatura do ceo e do inferno que deu a volta ao mundo. «O chiste foi que un membro do goberno de George Bush pai, que era secretario de estado de Enerxía, fixera unha cousa parecida uns anos antes, pero equivocárase. Nós fixémolo ben. Imaxínate o follón que se montou. Saímos na revista Time, no New Yorker, no Der Spiegel. A miña primeira aparición en televisión foi con María Teresa Campos no ano 97 ou 98. Daquela tiña un 30 % de cota de pantalla», confirma Mira. Foi despois que comezou a contar cun espazo fixo na TVE nun programa creado por Alfonso Pato: «Empezou así, apareceu por casualidade. Non creo que ninguén decida un día que vai ser divulgador».

Novas narrativas

Para Manuel Gago, os seus comezos marcounos a irrupción das redes sociais e a web 2.0, cando se decatou «da gran disonancia que había entre o coñecemento que a xente tiña do pasado e os avances tan importantes que se estaban dando na arqueoloxía». Foi conectando esas dúas realidades que se converteu nun referente da divulgación histórica de Galicia, disciplina da que continúa achegando novos fitos.

É Mira quen incide nos cambios que viviu esta disciplina nos últimos 30 anos. Defende que agora o coñecemento científico é aínda máis importante: «Despois da pandemia empecei a detectar cousas rarísimas. En 30 anos nunca me vira ameazado de morte, agora si». Cre que os movementos anticiencia hai que enfrontalos, xa que «o bulo escalou dunha maneira inusitada. Aquelas cousas que hai 30 anos pensaba que eran interesantes para a poboación, agora vexo que son necesarias como sociedade, para poñela no camiño correcto e desviala das burradas que se están dicindo». Gago pensa igual: «É necesario trasladar a idea dunha divulgación científica que difunda os valores da ciencia, que nos permiten preservar os valores de democracia, diálogo e dúbida».

«O coñecemento necesita estrutura, a bagaxe é algo que non adquires cun clic»

Os tres divulgadores falarán no foro das súas historias e inquedanzas. Organizado pola Universidade de Santiago, con financiamento do Convenio 25/26 de I+D+i da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, conta coa colaboración de La Voz de Galicia, onde a través da web poderase seguir a xornada en directo. Entre as iniciativas que sairán a debate estará a importancia de converter ideas complexas en dixeribles para todos os públicos, algo que Mira aprendeu dende o primeiro momento que recalou na televisión: «Tes que poñerte na pel de quen te está oíndo».

Seguramente Gago fale sobre a importancia de adaptarse ás novas tecnoloxías para non perder o tren do futuro: «O coñecemento necesita estrutura, a bagaxe é algo que non adquires cun clic. O coñecemento no fondo é estrutura, que é o que nos permite aumentalo ou cuestionalo».

O que os tres poñentes teñen claro é que a divulgación goza de boa saúde. Especialmente nas actividades ao aire libre, que esgotan prazas en cuestións de minutos, como foi o caso da última actividade de Mira en Laxe para coñecer as estrelas: «Xuntámonos entre 600 e 700 persoas. Nunca vira tal cousa». Algo similar aconteceu cando visitaron o castro de Borneiro e o dolmen de Dombate. O mesmo lle pasou a Gago nas súas últimas saídas por Santiago, A Pobra ou por xacementos arqueolóxicos de toda Galicia, nas que se quedou sen ocos. «En parte creo que se debe a un cambio de sensibilidade, no que a xente busca máis a experiencia», precisa o barbancés. Ese cambio de tendencia, Mira atópao na cantidade de xente que agora participa nas Nerd Nites, que leva organizando 13 anos: «Antes tiñas que buscar a xente, agora son eles quen che mandan propostas». A divulgación ten o futuro garantido.