A pintura chea de música de Lúa Gándara resoa na Fundación Eugenio Granell, en Santiago
SANTIAGO
A mostra «Montaña sobre montaña. Saltamontes», que poderá visitarse ata o 17 de xaneiro, é o resultado da súa estadía en residencia na institución
01 nov 2025 . Actualizado a las 14:13 h.«Pinto sempre con música, de feito, tamén me dediquei a ela hai anos», explica a artista Lúa Gándara (O Porriño, 1988) a quen os composteláns puideron ver tocar cun por aquel entón descoñecido Rodrigo Cuevas por locais como Borriquita de Belém ou no Feito a Man hai máis dunha década. Non foi a súa única incursión nun ámbito que agora se reflicte nas obras plásticas que ata o 17 de xaneiro se poden ver na Fundación Granell conformando a mostra «Montaña sobre montaña. Saltamontes». «É pintura abstracta, pero é todo moi musical, son cadros moi rítmicos nos que se hai algún tipo de fío condutor é a cor», explica a creadora, que reside en Compostela.
A exposición é o resultado da estadía de Lúa Gándara na Fundación Granell no marco da novena edición de Artista en Residencia. Supón, ademais, a súa primeira mostra individual nun espazo institucional. Durante cinco meses estivo desenvolvendo os seus traballos no pazo de Bendaña. Pero non todo foi creado en Santiago, senón que tamén mantivo o seu taller en Poio, o que marcou o seu proceso creativo xa que «tiña que deixar descansar as obras entre un lugar e outro». Unha situación que a levou a «pintar con outro ritmo. As obras da Granell son diferentes, é como se estiveran máis condensadas».
Varias colaboracións
Unha mostra na que na súa pintura domina a paisaxe, moi ligada ao minifundio, con moitos elementos pequenos. Non falta tampouco roupa pintada. Pero, ademais das obras que creou na Granell, tamén sumou outras pezas desde o 2022, así como colaboracións con outros artistas. Lúa Gándara dálle moita importancia a esta relación con outros creadores. «É como saír un pouco do teu traballo e elaborar pezas que de non ser así non terías feito», detalla. Así ten obras a medias con Milena Colella (xoiería). Pola súa banda, Ariene Goes e Nails Out fixeron interpretacións da obra de Gándara. Entre as colaboracións tamén hai que incluír as de Pelucas Pilas Bubles, Rodrigo Cuevas, Sora Magazine e Da Ría Luv. Ademais, hai traballos da artista noutras disciplinas: «Quería que viran máis cousas que complementan o meu traballo, todo o que rodea a pintura».
A obra de Lúa Gándara xa ocupou as Torres Hejduk no Gaiás e agora está presente tamén no Auditorio de Galicia. Sen embargo, esta exposición na Granell ten un significado especial para Lúa Gándara pola oportunidade que supón de expoñer nun espazo institucional. «Dis: ‘Por fin!’ Aos artistas galegos pásanos que cando estás na metade da carreira hai un espazo baleiro no que non hai nada. Agora esta mostra é dicir: ‘son unha pintora en serio, de verdade»’. Non para min, que eu xa o sei, senón para moita xente que me coñece. Como traballo moito co humor e con outras disciplinas, ás veces parece que é broma, pero non o é. É unha mostra de pintura», sentencia esta artista sempre a busca de novos horizontes.