Cristian Silva, gaiteiro: «Son demasiado moderno para os 'tradis' e demasiado 'tradi' para os modernos»
SANTIAGO
O músico presentará este domingo na Sala Capitol o seu novo disco, «Un home tranquilo»
12 oct 2025 . Actualizado a las 04:50 h.19.30 horas • Sala Capitol • 15 euros • O gaiteiro Cristian Silva recala esta tarde dominical na Capitol para presentar en directo o seu novo traballo, «Un home tranquilo». Ofrecerá unha viaxe sonora transitando polo pop, folk-rock, funk-jazz e a música tradicional coa gaita como protagonista. Inicialmente, este concerto en Santiago ía ser o primeiro en directo co novo traballo, pero, finalmente, será o segundo tras a cita na súa Vilagarcía natal. «Fago poucos concertos porque supoñen moita enerxía xa que somos moita xente —case vinte, entre músicos, técnicos...— e unha produción moi grande», di.
—O disco «Un home tranquilo» veu a luz o pasado xuño, como está sendo a acollida?
—Está desafiando a tranquilidade (ri). O título é máis unha brincadeira que a realidade porque non paramos. Non contaba con que o disco físico se vendera tan ben, quedan xa moi poucos vinilos. Cos cedés pasa o mesmo. O feedback é bo. Agora, son os concertos. Estamos con moitas ganas de tocar na Capitol.
—Anunciaron que ían ter colaboracións. Como será este concerto en Santiago?
—Soarán todas as cancións de «Un home tranquilo». A min gustaríame que estiveran todos os colaboradores do disco, pero non vai poder ser. Estará Xosé Miguélez no saxo e Antonio Rodríguez nos metais. Ademais de tocar todos os temas do disco, haberá de «Ego» e algunha cousa que non está publicada. Sempre me gusta introducir algunha novidade para a xente que me segue habitualmente.
—É a primeira vez que actúa na Capitol co proxecto propio?
—Coa miña banda en solitario nunca actuara, pero si que estivera con outros proxectos. Unha das últimas veces foi con Baiuca. Sempre dixen: «Como me gustaría presentar aquí o proxecto». É unha sala mítica na que sempre toquei con outra xente e na que fun ver a moitos, así que tiña esa espiña. Era algo que tiñamos pendente.
—A gaita xa non é exclusivamente sinónimo de tradición.
—É un símbolo, entón non damos sacado ese carácter. Sempre digo que é supercoñecida, porque é un símbolo, pero tamén descoñecida. Hai xente que non lle gusta o que eu fago porque din que non é tradicional e non é galego; pero eu son galego, son gaiteiro e fago a miña música, non sei etiquetala. Entón, pola parte tradicionalista non lles gusta, pero, pola outra parte, a máis moderna, como o rock, non lle gusta porque hai unha gaita. Estou como nun limbo: son demasiado moderno para os «tradis» e demasiado «tradi» para os modernos.
—Os que o que coñeceron con «Ego» (2015) van atopar a un Cristian Silva moi diferente?
—Si, totalmente distinto. Na miña primeira saída ao mundo da música en solitario parecía que tiña que demostrar moito, tocar moitos instrumentos, facer un montón de acrobacias coa gaita... Agora, xa é un traballo de madurez. Son só dez anos, pero para min pasaron moitas cousas polo medio. Agora sei máis de produción e estabilicei máis o meu estilo. Penso que este é un traballo moito máis contundente. É un son moi persoal.
—As cancións do disco están pensadas para ser escoitadas na orde na que aparecen, será así tamén no concerto?
—Máis ou menos. O final do disco é un lugar de calma, e non pode ser así nun concerto. Serán todo temas moi enérxicos. A pesares de que eu lle chamo a banda tranquila, penso que non hai ningún tema lento.
—É tranquilo Cristian Silva?
—Que va! (ri). Cando lle regalo o disco a alguén rinse e preguntan «De que vai isto?», porque son de todo menos tranquilo. Penso que o de «Un home tranquilo» é máis ben como un lugar; a tranquilidade é un lugar. A apariencia é un mar en calma, pero por debaixo cada un sabe as batallas que libra.