Máis presentacións e actividades na Selic 2025

La Voz

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A Selic completa o primeiro domingo cun programa cheo de propostas

05 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Semana do Libro de Compostela (Selic) continúa hoxe cun programa cheo de propostas, cun breve parón entre as 12.00 e as 14.30 en apoio á manifestación propalestina —a carpa da Quintana permanecerá aberta, sen actividades—. O primeiro encontro será «O veleno» (11.00) e contará con Eli Ríos e Susana S. Aríns para falar da paixón pola literatura e as lecturas que pasan de xeración a xeración.

Xa pola tarde, as voces de Charo Pena, Manuel Arca, Melania Cruz, Alejandro Tobar e Isabel Soto levarannos ao mundo de Edith Warton en «Petiscos sonoros no catálogo de Hugin e Munin» (17.00). Logo, estará Marta Villar asinando expemplares de «Detective Ferruchi» (17.30); e, á mesma hora, María Meijide propón un obradoiro infantil de cartografía persoal para nenos de entre 6 e 9 anos.

Martiño Noriega presenta «Os médicos tamén enferman» (18.00), resultado do seu retorno á medicina tras ser alcalde. Lucía Aldao e Patricia A. Janeiro protagonizan a sección «Lendo con...» (19.00). Alba Rozas asinará exemplares dos seus libros (19.30) e culmina a xornada coa poesía escénica e conversa coa autora de «Palentoloxía» (20.00), Fátima Delgado, acompañada por Branca Novoneyra para debullar a paisaxe da súa infancia e os claroscuros da súa orixe.