O festival contará con Hard GZ, MVRK e Boyanka Kostova, entre outros
29 ago 2025 . Actualizado a las 04:55 h.Desde as 18 horas • Multiusos Fontes do Sar • Entradas esgotadas • O festival Lingua Urbana afronta hoxe a súa primeira edición colgando o cartel de «sold out». Faino despois de cambiar a última hora o seu lugar de celebración, xa que inicialmente estaba previsto na Cidade da Cultura e, por mor da previsión de choiva, desprázase ata o Multiusos Fontes do Sar.
A música comezará a soar ás 19 horas con 9 Louro, seguido por Boyanka Kostova (19.40 horas). John Pollón collerá o relevo ás 20.45 horas e, MVRK, a partires das 22 horas. Hard GZ, que encabeza o cartel, protagonizará hora e media de música a partir das 23.15 horas. A recta final, ata o peche ás 4 horas, correrá a cargo de Disobey, Xina Mora e Parkineos.
Ademais de música, no Multiusos haberá actividades deportivas e culturais urbanas con exhibicións de «parkour», «breakdance» e «street art», entre outras.
Para facilitar o acceso ata o Multiusos Fontes do Sar, haberá un servizo de lanzadeira de ida desde a rúa da Rosa de 17 a 22 horas. Despois, o servizo de volta comezará ás 00.30 horas e rematará ás 4.30 horas. A isto hai que engadirlle, lembran desde a organización, os servizos das liñas regulares do transporte urbano, como son a liña C11, con frecuencias cada 12 minutos, ata ás 23 horas, ou a liña 9.
Tamén se trasladou ao Multiusos Fontes do Sar o festival Wake Up! que se celebra mañá sábado e ten como cabeza de cartel a Mochackk. Neste caso, tiveron que facer axustes nos horarios debido a que, ao cambiar de recinto, debe rematar antes.