A banda de tres composteláns adianta temas do traballo que publicarán en semanas no Feito a Man
12 ago 2025 . Actualizado a las 04:55 h.Xián Antelo, Martín Serantes e Cristóbal Rodríguez son Cousa Nosa, a banda de «pop-rap», como a eles lles gusta definir o seu estilo, que esta noite, a partir das 23 horas, se encargará de animar Tras San Fiz de Solovio nunha nova cita no marco do festival Feito a Man.
Para Xián, Martín e Cristóbal, os tres santiagueses, esta noite é unha data especial xa que se trata do seu debut en directo a pesares de que deron os seus primeiros pasos como banda hai dous veráns ofrecendo como carta de presentación xa un primeiro traballo: «Sin ti me duele todo», con nove temas. «Todos empezan facendo cousas pequenas e probas, pero nós decidimos apostar de partida por un álbum. Dixemos: ‘Facémolo aínda que o escoiten dez persoas’», explica Xián Antelo. O ano pasado no verán publicaron outros dous temas e agora están preparando outro traballo con cinco cancións, «Nosaesfera», esta vez xa gravado nun estudio, que publicarán proximamente. «Está inspirado nunha serie de debuxos animados e contamos que saia nun par de semanas, a finais deste mes ou principios de setembro», engade unha das voces da formación.
Precisamente, neste debut oficial en directo de Cousa Nosa presentarán eses cinco novos temas. O repertorio desta noite completarano as cancións máis escoitadas da súa traxectoria, así como algúns temas inéditos. Para a ocasión, Xián Antelo, Martín Serantes e Cristóbal Rodríguez estarán acompañados por un guitarrista e unha vocalista que xa colaborou con eles nalgún dos seus temas. «Para nós esta actuación é unha gran responsabilidade polo que pode representar como carta de presentación, xa que sabemos o importante que é o directo», apunta Xián Antelo, que xunto con Martín Serantes poñerá voz as letras, mentres que Cristóbal Rodríguez se encargará das bases, incluíndo tamén creación en directo.
Precisamente, esta estrea con público cara a cara, Cousa Nosa preparouna «moito e intentamos traer versións máis adaptadas ao directo, algo que non é tan típico dun xénero que usa música programada».
Amigos do baloncesto
Xián Antelo, Martín Serantes e Cristóbal Rodríguez uniunos inicialmente o baloncesto, posto que os tres coincidían xogando no equipo de Compañía de María. No 2022, tras afrontar unha situación emocional semellante, decidiron probar a facer música, xa que tamén compartían inquedanzas neste eido. Aínda que estudan en cidades distintas: Madrid, Ferrol e Santiago, tratan de continuar creando e aproveitan o verán para impulsar os seus traballos, como fan agora con «Novaesfera». Segundo explica Xián Antelo, o desexo sería continuar facendo novas actuacións en directo. «Estamos moi agradecidos á organización do Feito a Man por confiar en nós. É un marco moi bo para a nosa estrea, na nosa cidade», resalta.
e ademais
A Banda da Loba
21 horas • Praza dos Gatos • O festival tamén contará hoxe coa actuación de A Banda da Loba. Andrea, Estela, Iria, Marcela e Xiana presentan o seu último traballo, «Lovismo», presentado este ano.