Mondra, esta noite en concerto en Bertamiráns: «Necesito falar de certas cousas incómodas»
SANTIAGO
De xira polo seu último disco, «De ronda», o artista repasa as barreiras da industria
08 ago 2025 . Actualizado a las 04:50 h.Defendendo «o que quere ser», Mondra actuará hoxe ás 22.00 horas, con acceso gratuíto, no Parque do Ameneiral, en Bertamiráns con motivo das Festas da Peregrina.
—Que diferenza a proposta de «De ronda»?
—Sinto que este segundo disco, «De ronda», precisaba doutra proposta diferente do que a xente coñecía de Mondra ata agora e penso que así é. É unha aposta pola música ao vivo no seu máximo esplendor. O máis significante é que en vez de establecerse un diálogo entre a tradición oral e a electrónica, agora se establece coa instrumentación orgánica. A xente empatiza con facilidade co resultado.
—É un paso máis no proxecto.
—Sinto que si, mais pola experiencia que fun gañando. «De ronda» é un álbum tan autoral como «Ardén» ou incluso máis. Por suposto bebendo de elementos que están presentes na nosa tradición oral. Xustamente atende máis ás necesidades da música que do mercado e do ‘mainstream’ co que en ocasións non me sentía cómodo.
—Considéranlle un referente do folk que racha co tema de saír do armario. Séntese así?
—Eu que sei. Eu falo dende as miñas vivencias e escribo dende a miña identidade. En xeral teño a necesidade de falar de certas cousas que socialmente poden ser incómodas, como é a sexualidade, ou que sinto eu que non se falan o suficiente na nosa lingua. Cando recibes motivación e apoio, sentes unha responsabilidade, un sentido ao subir ao escenario e berrar sen medo que defendes o que queres ser.
—Aínda hai barreiras por usar o galego?
—O que está claro é que a lingua segue sendo unha barreira para entrar no mercado ‘mainstream’. Por suposto que hai moitos proxectos con moito talento que están empurrando constantemente esa barreira. Penso que damos pasiños, mais, non nos enganemos, segue habendo unha barreira.
—Canta dende as vivencias e dende a identidade. Que diferenza a Mondra de Martín?
—Hai unha chea de diferenzas. Martín e Mondra eran unha mesma persoa cando escribín as primeiras cancións, pero, a cada paso, cada un camiña cara un lado. Construímos, desde o escenario e das cancións, unha ficción.