A formación impulsada por Javier Turnes actúa esta noite no Feito a Man
06 ago 2025 . Actualizado a las 04:55 h.20.30 horas • Praza de Praterías • Golden Galos Furancho. Detrás deste singular nome atópanse Javier Turnes (voz, guitarra, baixo), Mr. Cool (voz, guitarra, baixo), Emilio Arsuaga (voz, armónica, guitarra), Pedro Gregorio (teclado) e Fiz Novoa (batería), que esta noite se estrearán como tal banda no Feito a Man para encher de música americana de raíz a praza de Praterías no marco do Feito a Man.
Esta formación naceu coa finalidade de actuar neste festival. Todo comezou cando a responsable do Galo D’Ouro lle propuxo a Javier Turnes participar. Isto explica en parte o nome da banda: Golden Galos Furancho. «A banda saíu da residencia que levo facendo no Galo D’Ouro todo o ano. Ademais, como blueseiros somos moito de reunións, así que decidín montar unha banda», detalla Turnes, que botou man de compañeiros noutros proxectos e amizades para «sacar fóra do local o que ocorre dentro todo o ano». Ademais, detallou que «as reunións de blueseiros son como foliadas, só que con blues en vez de coa nosa música tradicional. Así que os nosos furanchos son como os juke joints do Misisipi».
Esta noite tratarán de levar esa particular foliada a Praterías a través de música country, blues e soul. «O que facían os bluseiros nos juke joints era ir tocando sen máis afán que ese goce. Creo que os vínculos comunitarios funcionan igual en todas as culturas: músicas aparentemente sinxelas aglutinan a todo o mundo», engade Turnes, que non descarta que a banda teña máis continuidade máis alá desta noite. «Estamos tan contentos co resultado que creo que igual ten máis vida. Imos ver que tal lle vai o furancho», afirma.
Javier Turnes coñece ben o Feito a Man xa que participou con outros proxectos. «A min encántame a intimidade do inverno, do garito e dun puño de xente cerquiña de ti; pero a dimensión da rúa é unha chulada», di. Así pon en valor a diversidade do público, que moitas veces non ten planificado acudir a un concerto. «Gústame esa idea de improvisación, tanto por parte do goce do público como polo goce noso, xa que non está todo precociñado, como parece que ten que acontecer agora en toda experiencia humana», detalla.
Máis alá deste proxecto, Turnes ten previsto continuar a próxima tempada coa súa residencia no Galo D’Ouro xa que está preparando un disco con cancións propias. «Entón, permíteme ver como reacciona o público», di. Tamén continuará coa residencia xunto a Pedro Gregorio en Borriquita de Belém.
Ademais dos Golden Galos Furancho, hoxe actuará no festival Feito a Man Julián Maeso Trío. Será a partir das 22.15 horas na praza de San Martiño Pinario.