Os expulsados do PSOE seguen a funcionar como grupo, aínda que non o sexan

La Voz

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

O feito de non estar xa no grupo socialista non lles resta peso na aritmética municipal

31 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A crise do PSOE deixou unha corporación máis fragmentada, aínda que formalmente siga a haber catro formacións políticas. Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez son agora concelleiros non adscritos, aínda que continúan a actuar como agrupación, se ben sen as vantaxes que teñen os grupos. Carecen do apoio de persoal eventual que tiñan como integrantes da formación socialista e das dedicacións á actividade municipal, xa fosen totais ou parciais, que desfrutaban tres deles. Tampouco teñen dereito a un local no Concello, aínda que iso non quita que aspiren a que se lles facilite.

En calquera caso, xa sexa como grupo ou individualmente, o feito de non representar xa a ningunha formación política non lles resta peso na aritmética plenaria. O goberno bipartito (8 concelleiros) precisa da súa concorrencia, ou canda menos de varios deles, para sacar adiante calquera asunto plenario, aínda que estes non requiran maioría absoluta. O único respaldo do PSOE (2 edís), no caso de que as propostas do executivo acaden o seu consenso, sería insuficiente fronte a un voto contrario do PP (11 concelleiros). E para os asuntos de maiorías absolutas, a Goretti Sanmartín sonlle tan necesarios os socialistas coma os non adscritos. Estes últimos xa lle mandaron un «anuncio a navegantes» no pleno no que se oficializou a súa desvinculación do PSOE.