O teatro profesional e amador únense na «Fábrica de fume» en Santiago

La Voz

SANTIAGO

M. G. I.

O espectáculo, coproducido polo CDG, chegará ao Salón Teatro os días 16, 23 e 30 de marzo

12 mar 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

Domingos 16, 23 e 30 de marzo • 12 horas • Salón Teatro • Entrada gratuíta • Dúas directoras escénicas profesionais —Celina Fernández Ponte e Ana Fontenla— e 18 actores e actrices da Federación Galega de Teatro Afeccionado son as pezas básicas de «Fábrica de fume», unha proposta de teatro comunitario que se estreará este domingo no Salón Teatro e que está coproducido polo Centro Dramático Galego (CDG).

 

A proposta está inspirada na historia de Sargadelos, sobre a que Celina Fernández e Ana Fontenla levan investigando desde hai dous anos de investigación. Agora poñen o foco nas persoas que traballaron alí. «A peza non conta a historia de Sargadelos. Fala de diferentes conflitos que poden xurdir dentro do contexto laboral e de como o traballo é unha parte fundamental para as nosas vidas, reflectíndose no carácter das persoas», explicou Ana Fontenla. A peza da que se farán tres funcións foi creada de xeito colectivo. «Houbo moito intercambio de propostas», engadiu Celina Fernández sobre esta peza cunha temática que tamén entronca con «A burra, a mesa e o pau» do CDG, que baixo a dirección de Lorena Conde pode verse de mércores a domingo (18 horas).

Dous dos intérpretes participantes, Nieves Pérez e Antonio Vázquez, resaltaron o positivo da experiencia. «A xente vén ensaiar de todos so puntos de Galicia e amosan o amor polo teatro e por traballar xuntos», apuntou Antonio. «Foi unha experiencia fantástica», recalcou Nieves.

Para o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a iniciativa «é unha marabilla» xa que permite visibilizar o teatro amador. O director do CDG, Fran Núñez, apuntou que o elenco é un «dream team» de intérpretes afeccionados.