Un acto cívico en Bonaval abre os actos do 75 cabodano de Castelao

La Voz

SANTIAGO

Ofrenda floral en Bonaval nunha edición anterior
Ofrenda floral en Bonaval nunha edición anterior Conchi Paz

A homenaxe contará con música e ofrenda floral

07 ene 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

12 horas • Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval • Hoxe cúmprense 75 anos do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en Bos Aires. Por ese motivo, o habitual acto co que a Fundación Castelao lembraba o cabodano en Bonaval gaña en dimensión e tamén servirá para abrir as actividades conmemorativas polo 75 aniversario da morte do galeguista.

Desta volta, a Fundación Castelao, o Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo organizan unha homenaxe a Castelao que contará coa participación de representantes da Xunta, o Parlamento galego, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, entre outras institucións. Tamén está aberta á cidadanía.

O acto comezará con música e a interpretación de pezas populares na voz da soprano Beatriz Riobó Agulla, Fernando Raña Barreiro á frauta e Alba Barreiro Mariño á arpa. A continuación, terán lugar as intervencións institucionais e unha ofrenda floral. No acto tamén colaborará a Asociación do Traxe Galego.