Celebrarase do 14 de xaneiro ao 25 de febreiro e contará con directores, guionistas ou intérpretes dos filmes para o coloquio
09 ene 2025 . Actualizado a las 04:55 h.Do 14 de xaneiro ao 25 de febreiro • Praza Salvador Parga, 4-2º • O Ateneo de Santiago programa unha nova edición do seu Cineclube poñendo o foco nesta edición no cinema galego do século XXI. En cada unha das sete sesións previstas todos os martes desde o 14 de xaneiro ao 25 de febreiro contarán con directores, guionistas ou intérpretes dos filmes, que farán unha presentación e participarán nun coloquio co público asistente. Todas as proxeccións terán lugar ás 19 horas no Salón de actos Isaac Díaz Pardo da sede do Ateneo de Santiago.
O ciclo comezará o vindeiro día 14 con «Eroski Paraíso» e a participación do seu director, Jorge Coira. O día 21 será a quenda de «O lapis do carpinteiro», coa intervención do seu director, Antón Reixa. A última sesión de xaneiro será o día 28, coa proxección de «Doentes» coa presentación e coloquio a cargo do seu guionista, Roberto G. Méndez.
Febreiro abrirá cunha sesión o día 4 a cargo do director Alfonso Zarauza para profundar no seu filme «Malencolía». O día 11 chegará «Sofía Casanova: a obreira do pensamento», tamén coa presenza da súa directora, Zaza Cebaños. «O home e o can» será o filme do día 18 e para analizalo estará un dos seus protagonistas, o actor Manuel Manquiña. O peche do ciclo chegará con «Salta!» o día 25. Na presentación e no coloquio participará a actriz Mabel Rivera, que dá vida a unha das personaxes do filme de Olga Osorio. A edición pasada do Cineclube Ateneo, que se celebrou en primavera, estivera centrado en Mario Camus e no cine italiano.