Diego Anido: «'La infiltrada' é unha película necesaria, pola historia que conta e pola narrativa»

rosa martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Diego Anido, representando a obra teatral «O deus do pop», da que tamén é o autor
Diego Anido, representando a obra teatral «O deus do pop», da que tamén é o autor Cedida

O premio padronés de interpretación teatral Maruxa Villanueva recoñece a súa audacia creativa e enfoque renovador no teatro

04 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Premio Mestre Mateo ao mellor actor de reparto por «Malencolía», nominado aos Goya como secundario tamén por «As bestas» e recoñecido como actor revelación pola Unión de Actores e Actrices por esa mesma cinta no 2022, Diego Anido recolleu este sábado en Padrón o Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva. Foi despois da representación da súa obra «O deus do pop», escrita e protagonizada por el mesmo. Esa obra e a súa traxectoria no teatro valéronlle un recoñecemento máis local, pero tamén significado para o actor compostelán, quen recorda dun par de excursións escolares á Casa Museo de Rosalía a presenza de quen fora a coidadora da Matanza, e tamén actriz teatral, Maruxa Villanueva. Ese é un lugar, di da casa museo, no que realmente se conecta co espírito de Rosalía. «Non é como outros museos nos que un neno entra e non chega a conectar: aquí si». 

Este premio átao máis á terra. «Fixen un pouco de carreira fóra e fago un tipo de teatro que non ten tanto público aquí» e este recoñecemento supón para el un azo de confianza. Di sentirse sempre recoñecido pola profesión (actores e directores), pero a nivel de público «sempre me sentín un pouco como se non estivera en sintonía co que se facía aquí» e este premio «dáme moita confianza para seguir traballando na mesma liña para todo o público de Galicia e en galego», porque «o meu espírito sempre foi facer un traballo autoral moi unido as miñas raíces galegas».

Formado no teatro, onde se desenvolveron os seus primeiros anos nesta profesión, Anido está agora mesmo nunha fase de equilibrio entre as táboas e os focos. Fuxe da dicotomía sobre en que lado se sente máis cómodo. Con varios proxectos cinematográficos á vista, tampouco quere deixar de lado a creación propia: «A ver se consigo empezar de novo un espectáculo da miña autoría». Sería o sexto, di quen, máis aló dos éxitos na pantalla, proclama que «un criouse na trincheira e na batalla, e segue na batalla». «Gústame moito seguir traballando no escenario», confesa este compostelán nado en 1976 e que gañou tamén no 2015 o León de Prata de teatro da Bienal de Venecia coa compañía catalá Agrupación Señor Serrano.

O xurado do Maruxa Villanueva recoñeceu en Anido a súa «audacia creativa e un enfoque artístico renovador», enfoque que os asistentes á entrega do premio puideron recoñecer coa representación de «O deus do pop». «Trato de traballar con todos os recursos que teño a man para xerar un produto pouco usual», pero cunha dramaturxia que atrape. «Non me agarro a ningunha fórmula establecida teatral para poder, precisamente, captar a atención simplemente polo feito de ter unha fórmula desconfigurada, dislocada, que fai que o público estea moi pendente do que vai pasar».

Diego Anido está nas grandes pantallas de toda España agora mesmo con La infiltrada, a cinta de Arantxa Echevarria baseada na historia real dunha policía nacional que se introduciu en ETA durante oito anos, e na que coincide con Luis Tosar. «É unha marabilla o éxito que está tendo en salas». É unha película que hai que ver, di. «É unha película necesaria, non é unha máis». É necesaria, engade, «pola historia que conta e polo xogo cinematográfico que fai cun asunto da historia de España tremendo e moi delicado que comeza a poder ser narrado doutras maneiras, porque o que fai esta directora é utilizar códigos do thriller dos oitenta para poder contar esta historia». «Paréceme que pode inaugurar outras lecturas sobre a nosa historia máis escura», porque «hai algunhas versións máis» pero «esta película arrisca nese sentido». Por iso «me parece necesaria, ademais de que é necesario coñecer a esa personaxe».