A formación nada en Melide impúxose a Malvela e Mediarea
17 may 2024 . Actualizado a las 05:05 h.«Os gaiteiros que cantan», como eles mesmos se denominan, veñen de recoller en Pontevedra o premio Martín Códax ao mellor grupo de música tradicional de Galicia. Son Os Melidaos, e, aínda que levan por bandeira o xentilicio da terra de os viu nacer, forman parte da agrupación músicos de, ademais de Melide, de Boiro, de Muxía, da Coruña, de Vigo e de Arzúa.
Deste último concello é o pínfano e pandeireta da formación, Antonio Raposo, que, en representación dos seus compañeiros, agradeceu sobre o escenario do Pazo da Cultura da cidade do Lérez un galardón que recoñece preto dun cuarto de século de traxectoria, ao longo da que Os Melidaos puxeron voz e música a catro traballos discográficos. Ás súas familias e aos seus compañeiros de Malvela e Mediarea, formacións tamén finalistas na categoría de música tradicional, dedicou Raposo o Martín Códax que tamén quixo compartir «coas organizacións, mulleres e homes que entenden como nós que neste tipo de música o máis importante non é o intérprete, o máis importante é o interpretado, que é a nosa música, porque lembrade todos que a música tradicional é un tesouro que cómpre conservar». Os Melidaos tamén son Pepiño Blanco, ao bombo; Xele Barrio, no acordeón; Marina Vigo, tocando a gaita; César Tarela, o tamboiril; Luís Sánchez, a gaita e a pandeireta; e Felipe Sar, voz e pandeireta.