Periférico 2030

Xerardo Estévez e Alfonso Salgado COMPOSTELA EN DEZ PASOS (VII)

SANTIAGO

Cando se redacta un plan ou se deseña un edificio, pénsase no futuro. As cidades necesitan un proxecto do porvir, porque sen el a xestión acaba estancándose no inmediato, nas demandas dos individuos máis ca nas da cidadanía como colectivo. Sen un discurso global, as solucións tecnolóxicas non son máis ca ferramentas automáticas.

A mobilidade é un deses grandes temas que teñen que proxectarse desde agora, evitando na medida do posible accións puntuais que poidan obstaculizar as solucións transformadoras. Neste sentido, consideramos que é o momento de programar o Periférico 2030.

Temos escrito xa que a resolución da mobilidade pasa por poñer en relación a AP-9, o Periférico SC-20 e a ronda histórica. Se o obxectivo é diminuír a insoportable carga de tráfico para recuperar o papel patrimonial da ronda da muralla e as súas prolongacións e que poida chegar a ser ese paseo urbano ao que a cidade leva tantos anos aspirando, é imprescindible, antes de nada, desviar o tránsito intensivo sur-norte cara á AP-9, que pasaría a ser dalgún xeito o novo Periférico.

O chamado Periférico, que conta cunha sección ou ancho público excelente, iríase rehabilitando —ese é o verbo preciso— para transformar pouco a pouco o que hoxe é unha vía de tráfico masivo nun gran bulevar vexetado, sen apenas bordos, compartido por persoas, bicicletas e coches. Unha plataforma pola que circularía un transporte público de autobuses con dimensións proporcionadas, un transporte colectivo privado para aqueles que entran acotío desde a periferia da cidade e a distribución de mercadorías coa tonelaxe apropiada. A eliminación onde fose posible das barreiras ríxidas ou biondas permitiría ganar espazo para habilitar carrís de tres metros e así circular á velocidade permitida.

Para acadar estes obxectivos cómpren proxectos arquitectónicos, máis ca grandes obras de enxeñaría, en puntos especialmente complexos como a ponte da Rocha e a glorieta da Volta do Castro, o no do Hórreo con Romero Donallo, os bordes de contacto coa vía do tren en Belvís ou a glorieta da Avda. de Lugo na conexión con Torrente Ballester. Necesítase un grande acordo entre as administracións competentes: Ministerio de Transportes y Movilidad, Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Deputación da Coruña e Concello.

A mobilidade é, en última instancia, un tema de comportamento colectivo. Dous casos concretos: o tempo que dedicamos a buscar aparcamento no centro, xeralmente con pouco éxito, é un tempo de ocupación parasitaria do espazo público. Alí onde se foron adoptando medidas de limitación, como na Carreira do Conde, a rúa de San Pedro ou a Trindade, fómonos adaptando e non pasou nada grave.